Manuel Rivas: «Sen imaxinación queimaríanos o inferno, a imaxinación si que é un refuxio climático!»

FUGAS

O escritor Manuel Rivas publica «Tras do Ceo».
O escritor Manuel Rivas publica «Tras do Ceo». CESAR QUIAN

A súa nova novela, «Tras do Ceo», está tecida con pólas que arrincan da fonda tradición antropolóxica galega: a truculenta, que é a máis dura, a do humor, «que é o que salva a realidade», e a da imaxinación

11 oct 2024 . Actualizado a las 16:57 h.

«Sentín medrar a herba. Estaba cuberta de rosada, coma min, e a alborada espertábanos con man de seda...». Así de pegada á terra transcorre a nova novela de Manuel Rivas (A Coruña, 1957). Por Tras do Ceo (Xerais) andan desde a muller que sega herba coa gadaña ata un dron; o Piloto, excondutor de narcos que agora pasea a millonarios por illas paradisíacas, e o Meco, taxista; as maltratadas mulleres do club de alterne Edén, Chelo e Dombodán, o rapaz protagonista co seu Chisme, un teléfono móbil no que consulta dúbidas e historias de romanos; Duroc, o cabo Bruno e o doutor Muriel; o porco bravo Solitario, o lobo Divagante e a parella de corvos Navia e Xallas. Animais solitarios. E mais a soidade de Mundi, que non é tal: «Os animais e as árbores tamén son xente, á súa maneira, ou non lle parece?», pregunta o home á muller do Ministerio da Soidade que vai ver se precisa axuda. Tras do Ceo leva o lector a un mundo diverso no que se mesturan vida e morte, agarimos e agresións, feminismo e machismo, realidade e imaxinación. E todo co humor e a retranca de pano de fondo. De todo iso fala Manuel Rivas, e de moitas outras cousas, porque a obra literaria e a vida do escritor son coma un rexo carballo con moitas e feiticeiras pólas ás que gusta de gabear.

 «O máis interesante xorde cando se comunican dous contrarios»

—Por que unha novela negra?

—Escribes unha novela, entre outras cousas, porque non podes explicar a realidade doutro xeito. Cousas que ás veces vemos desde un realismo simple poden parecernos mundos afastados. A novela pon en cuestión ese simplismo do branco e negro, e mesmo de facer valados. Aquí as cousas están moi tecidas.

—E as realidades enfrontadas...

—Penso que o máis interesante xorde cando se comunican dous contrarios. Aquí hai momentos en que o infernal é o cómico se xuntan, pero tamén personaxes con caracteres que son duros pero afastados, como é o Amadeo construtor e o Outro [Antón], que non ten un peso. Enténdense ben porque se necesitan no sentido de que teñen curiosidade os dous. Este é un mundo que non propicia o encontro entre contrarios, máis ben levanta moitos muros, sitúa a xente en estratos, en capas. E perdemos o mellor da paisaxe humana e da paisaxe natural. Os humanos, en vez de ser o centro do mundo, son enxertos que están nunha paisaxe, nunha xeografía, e grazas á imaxinación podemos oír o latexo da natureza, a resistencia. Os animais tamén resisten... Ás veces dis estas cousas e hai xente que di: «Fáltalle un sulfato» [ri].

—Iso non está no que din do protagonista: Chóvelle no tellado, ten o casco avariado, fáltalle un rego, está en menos cuarto...

—Faltoume o de «está sen sulfatar». O rapaz, falando doutro veciño que fai bromas co eses ditos, rosma: «Non é o único imbécil que me considera un imbécil». [risas]. Escribir, posiblemente, é a necesidade de explicar moitas cousas, as zonas de sombra, os lados escuros, pero tamén os lados ás veces marxinados, como pode ser ese humor popular, a imaxinación… A imaxinación semella hoxe en día que é algo obsoleto, asóciase cos contos, coa fantasía, e nada máis diferente: É un xogo de chaves que nos serven para abrir a realidade. Aquí as chaves sempre se usan para pechar. O que fan falta son xogos de chaves para abrir.

—A novela ten momentos cunqueirianos, como cando no medio dos eloxios a un can de caza di que as lebres aplaudíanlle cando as levantaba...

—É nesa atmosfera onde a imaxinación non nos afasta da realidade, ao contrario: fainos ver mellor a realidade. Cadaquén é un individuo, pero tamén é herdeiro e por iso non somos moscas de verán, que dicía Salorio [Manuel]. A parte máis galega do libro en canto á tradición é esa do humor. Fálase moito de especies en perigo de extinción. Eu penso que unha das extincións máis perigosas que pode haber é a extinción do humor e estámola vivindo nesta especie de emerxencia climática que afecta tamén os caletres. Na conversa diaria, na conversa colectiva, vese que esa especie está en extinción. E é un eixe fundamental, é a alma da cultura popular, por iso hai esa tradición. O humor é a tradición da liberdade, é unha autodefensa, unha forma de resistencia.

—Divírtese cando escribe esas pasaxes de humor?

—Lembro un momento no libro cando conta Mundi recordando ao Outro: estabamos aló nunha mina en Asturias a 600 metros baixo terra picando o carbón e o Outro, que tiña asma, dicía: «Menos mal que encontramos traballo onde non chove [ri]». É un deses momentos felices nos que rin.

—Iso de que a marca do licor café sexa Catro Patas tampouco está mal...

—Os ingleses teñen o Black Star [cervexa negra], pois nós temos o Catro Patas. A identidade desta novela ten tecido de varias tradicións populares galegas porque está esa póla truculenta, dura, e está esa outra póla dun humor que leveda e salva a realidade. Ocorre o mesmo ata cando hai un crime, cando o pai do protagonista lle peta na cachola ao Duroc e o interpela: «Que cabrón! Querías as nosas terras!». E dille o fillo: «Pero, papá! Se xa está morto». E o pai dille: «Iso non é desculpa…». Son cousas que escribo en gran parte por estar criado nesa tradición de humor popular, da cultura popular galega. Por desgraza, en xeral, en España hai moi pouca tradición cervantina, ou perdeuse. Para empezar, velo nos discursos, que non hai ningunha ironía, ningún trazo de retranca. Ese Sancho que di: «No todo va ser embestir» [ri]. Eu cada vez que vexo un debate e din «polarización», digo: «Como que polarización?» Iso é turrar! E lembro a Sancho. Ou «Santiago y cierra, España». Quen ten a chave que pechou a España?

—Unha das protagonistas garda a chave debaixo da almofada...

—Iso é parte do que falamos da tradición popular. Como que non fica claro se o Outro morreu ou non. Dise que deron a volta co cadaleito no camposanto e esvaeceuse...

—É o personaxe que leva a bicicleta pola man e di que cando chegue ao horizonte subirase a ela.

—Todo iso vén pola miña parte de mamar na antropoloxía popular galega, que é un tesouro. Cunqueiro, cando vai á Academia Galega, o discurso que fai é sobre os tesouros. Non creo que haxa tantas academias no mundo nas que un académico se pon a falar de como buscar os tesouros, de quen custodia os tesouros, dos ananos que falan linguas para atopar os tesouros. Como dicir que iso non é a realidade? O imaxinario forma parte dela. Sen imaxinación queimaríanos o inferno. A imaxinación si que é un refuxio climático!

CESAR QUIAN

—Contar ese cheiro a herba recén cortada tamén ten mensaxe?

—No intre que cae a herba, o momento de segar, é o da fartura. Non é unha morte inútil, continúa o ciclo. O libro está cheo de valores experienciais [ri]. Desculpa, gústame ás veces poñerme estupendo... Hai o valor mercantil e o valor experiencial, que é impagable, incalculable. Eu son dunha familia que vén dese mundo da diversidade, mundo obreiro e mundo campesiño. Foi unha sorte vivir todas esas tradicións e ademais vivilas na beiramar, ao pé do faro [torre de Hércules]. Esa escola da vida é un agasallo. O que máis engaiola a un neno é ver, con esa ferramenta medieval da gadaña, a harmonía da sega. Eu vía sobre todo mulleres segando, en Soneira; ás veces media ducia que ían da par unha doutra. Eu facíalles fotos. A elas sorprendíalles. É preciso moito tempo para saber facer iso. É todo o corpo que se move. Non é un acto de violencia. É parte do ciclo da natureza.

«O outro día descubrín un sitio que se chama O. Imos a O! Estou convencido de que todo o mapa universal está na toponimia galega»

—Que papel xogan os nomes propios e a toponimia nesta novela?

—O nome das cousas é tan suxestivo que é parte da paisaxe. Os topónimos, os nomes dos lugares, é un dos mellores recursos que temos. Trátase dun lugar real, pero mental tamén, entón é mellor que as lindes desa comarca sexan parte da imaxinación, pero dunha imaxinación que non se afasta da realidade. En ese Tras do Ceo, teño a sensación de estar nun lugar real. É un xeito de que calquera o sinta como propio, da súa terra. Eu son un condutor potencialmente perigoso porque, cando vou conducindo, vou mirando nomes e ás veces dáme ganas de parar e ver. Vas pola estrada e é como ir por un libro cos topónimos de Galicia. O outro día descubrín un sitio que se chama O. Imos a O! Estou convencido de que todo o mapa universal está na toponimia galega. Nun traballo da Academia Galega van camiño do medio millón de topónimos e iso é un libro, é algo extraordinario, é a natureza dándose nome. Por iso debemos ter unha relación moi respectuosa. A próxima vez que vaia a Frankfurt vou ir cun saco de palabras, que son chaves para abrir.

—A novela deixa fíos abertos...

—A relación que teño co de escribir é bastante parella á de respirar. Con esta novela non quixen poñer o de triloxía. Teño moito escrito. Nalgún intre traballei con todo porque para min é unha obra única. Tamén os outros libros son chanzos, os que escribín antes. Eu non escribiría este libro se non escribise antes Os libros arden mal ou O último día en Terranova, porque son círculos que van medrando, facéndote ver. Vas limpando medos. Ese fío común sería, por un lado, o poder que domina na historia, momentos históricos nos que destripas eses poderes destrutivos. E no outro lado a excitación creativa que percorre o camiño da humanidade de descuberta, de erotismo, de desexo, de imaxinación. As mellores cousas que nos arrodean son froito dese encontro entre a natureza e a imaxinación.

«Eu medo teño medos. Como non vou ter! Posiblemente, cada vez tes máis medo ás cousas, a esa situación de crise existencial na que vivimos»

—Ten medo?

—Eu medo teño. Medos. Como non vou ter! Posiblemente, cada vez tes máis medo ás cousas, a esa situación de crise existencial na que vivimos. Ves como se sobrepasaron, moito, varias liñas. Medo tes, pero cheguei a unha conclusión ou decisión: cando escribes non o podes ter, e menos cando escribes literatura. O narrador ten que falar con liberdade, sen medo, porque a quen está contando? Ao mellor está contando a alguén que o vai ler dentro de 50 anos. Temos que escribir con esa liberdade que notas por exemplo en La Corte de los milagros ou en Tirano Banderas, de Valle-Inclán. Ler esa tradición, ou a outra xente, é algo que me axuda, axúdanche a coller coraxe.

—En «Tras do Ceo» soa Sinéad O'Connor, por que?

—A banda sonora é de Sineád O'Connor. O convencional sería meter un grupo galego, un rapeiro destes que están saíndo, pero Sinéad gústame moito e son desas cousas que tes aí gardadas na hucha para sacar un día. Ten que ver con moitas cousas, co conflito que ela viviu e estes personaxes tamén están vivindo. Eu procuro que nos riamos un pouco, porque é parte da maneira de ser, pero nesta xeración que representa o narrador viven nun conflito moi grande. Coma as rapazas do club de alterne viven conflitos. Interésame moito sempre a historia persoal. Cal é o tour de force? Chegar ao corazón desta xente, ao conflito que están vivindo. É un mundo rudo, pero ao final a novela é a vida.