
Un é dos que viviu na adolescencia a epopea ou a xesta do Xurelo: aquel palangreiro, hoxe despezado, de 20 metros de eslora e cun patrón de Ribeira chamado Ánxel Vila que respondeu ao chamado de Esquerda Galega para tomar rumbo cara á Foxa Atlántica que se ía convertendo nun infinito vertedoiro radioactivo. Estabamos entre os que recibimos con aplausos naquel Vigo do ano 82 ao Pleamar, que fretara o Concello da cidade para acompañar ao Arosa I, e ao Xurelo na súa segunda, e heroica, singradura que puxo fin, cos escasos medios cos que contaba, a aqueles vertidos. A iniciativa foi aló do simbólico e contaxiou unha inequívoca conciencia ecoloxista á miña xeración e outras próximas. Esta longa e infrecuente introdución nunha recensión repara neste feito histórico porque Manuel Rivas, é ben sabido, formaba parte activa desta batalla.
E talvez estea errado pero advirto como en Tras do ceo aínda reverberan os ecos dese «espírito Xurelo». Velaquí unha novela, si, mais é tamén un medio para proxectar con clarividencia, fluidez, teimosía e, tantas veces con tenrura, o camiño das causas polas que cómpre tomar partido, sen dar as costas ao humor nin á descrición dalgunhas das claves do noso tempo. Para iso, acódese a ese punto de vista senlleiro que nos ofrece Dombodán: unha voz coñecida dentro da traxectoria narrativa de Rivas que salta de aquí a acolá nos seus libros e que se converte agora nunha claraboia desde a que asomarnos ao inesperado e ao sorprendente, baixo unha perspectiva que ás veces conturba, mais que sempre é operativa para revisarmos esas chamadas de socorro, eses mayday que se agochan nas súas obras.
Nesta ocasión, non se dixo, todo isto faise mercé unha trama en aparencia sinxela que parte dunha cazaría. Diríxesenos aos poucos cara a un urdido que se interna no xénero negro, con pasaxes onde latexa tanto a violencia máis desapiadada como o fulgor que acubilla a esperanza; a carón de pequenos excursos que revelan que é o unto do tempo, como son as persoas que pensan en quitarse a vida pero nunca no suicidio, cal é a páxina da vida dunha enciclopedia, quen é o ser que se alimenta de palabras ou que hai detrás do grallar dos corvos Xallas e Navia. Para non perder.