Que farías ti para salvar o galego?

FUGAS

A xente, a política, a música, o cine, o bar, a cociña, o deporte, a cultura, internet e as redes son escola de lingua. Dez falantes ofrecen as súas receitas de mellora

25 oct 2024 . Actualizado a las 23:23 h.

 

Basilio Bello

XOSÉ A. TOURIÑÁN

Humorista e actor

«Máis contido en redes que lles guste aos mozos, non a nós como pais»

O actor e cómico galego pensa que «a solución pasa por crear contido en redes sociais e en internet que lles interese aos nenos e mozos». «Contido que lles guste a eles, non a nós como pais. E é crucial para que falen galego que os seus ídolos o usen. Hai que incentivalo, pagalo e publicitalo», propón.

Amos Ruiz

MARTIÑO RIVAS

Actor

«WhatsApp e Instagram deberían ter softwares en galego»

«Estaría estupendo que se nos quitase a tontería en xeral. Vexo importante respectar, preservar e protexer o idioma nos medios, especialmente cando se trata da decisión de falalo por parte dos entrevistados. Tamén é interesante escribir na nosa lingua en WhatsApp ou en Instagram. Habería que esixir que implementasen nos seus softwares o galego», recomenda o actor coruñés.

Miguel Villar

MARÍA VÁZQUEZ

Actriz

«Necesitamos medidas políticas urxentes»

«O primeiro é reflexionar sobre que estamos a facer mal coma sociedade. Temos que empezar a construír asumindo que estamos nunha situación de alerta. Necesitamos medidas políticas urxentes e, dende logo, é superimportante ofrecer contido que mole para a rapazada, como foi o Xabarín Club», propón a actriz de Matria.

Martina Miser

JAVIER OLLEROS

Cociñeiro

«A cultura constrúese na escola, sen complexos!»

Con «respecto, compromiso, naturalidade, orgullo e coidado» hai que falar en galego, afirma o propietario de Culler de Pau. «A diversidade das linguas é riqueza», subliña. «É unha falacia o de 'con el gallego se pierde el castellano'. As políticas deben protexer. E a cultura constrúese dende a escola, sen complexos!, sen rivalidades baratas», atina o chef do Grove.

PEPA LOSADA

ANTONINA SEMEDO

Música

«Escoller sempre falar en galego, a lingua pérdese se non se fala»

Se lle falan en castelán, Antonina Semedo, do grupo caboverdiano Batuko Tabanka, contesta en galego. «A lingua pérdese se non se fala», di. Percibe certo «complexo» dos galegos en relación coa lingua, para o cal ten a solución: «Escoller sempre falar en galego».

Vero Boquete, en una imagen reciente en Galicia
Vero Boquete, en una imagen reciente en Galicia Agostiño Iglesias

VERO BOQUETE

Futbolista

«Contacto cos avós... O galego que hai que salvar é ese, o de sempre»

«O único que me se ocorre que podería ser distinto é ter máis contacto cos avós, cos nosos maiores», suxire a futbolista da Fiorentina. «O galego que temos que salvar é ese, tornar ao de sempre, apreciar a lingua a través dos que sempre a falaron. Menos políticos e máis actividades na aldea», propón.

PEPA LOSADA

NUNO PICO

Grande Amore

«Recuperar iniciativas como aquela da Rede de Locais de Ensaio...»

«Estaría ben recuperar iniciativas como aquela Rede de Locais de Ensaio que houbo no seu momento en Galicia e se foi perdendo. Estamos nunha boa etapa da música galega e é importante tratar de mantela e renovala. A aparición de novas bandas na nosa lingua ten moito que ver coa idea de impulsar o galego. Falamos o que escoitamos», opina o músico.

ANDY CHICHESTER

Mestre americano creador do @Chibarinclub 

«Máis galego nas escolas e que os pais o falen na casa»

«Paréceme unha mágoa tremenda esta perda da herdanza cultural. Agardo que mellore o que está ocorrendo. Penso que debería falarse máis galego nas escolas e facer que os pais o utilizasen na casa, ademais dun maior apoio dos políticos», di o mestre americano que conduce o @Chibarinclub na rede.

CLAUDIA GOMES

Hostaleira

«Empezar na gardería e aproveitar os canais infantís»

Os esforzos deberían comezar «na gardería, aproveitando que hai canais infantís en galego, e na ESO os docentes deberían falar máis galego, porque o castelán vas aprendelo si ou si. A defensa do galego debe vir da base da escola», di esta caboverdiana que chegou a Burela con 7 anos e hoxe é hostaleira en Viveiro.

Pablo Meixe nun retrato na natureza.
Pablo Meixe nun retrato na natureza. Graciela Vilagudin Photography

PABLO MEIXE

Cómico

«Facer ficción en galego, coma o 'Xabarín Club'»

«Teriamos que recuperar a ficción en galego, coma o Xabarín Club. De pequeno, eu vía Shin-Chan, Dragon Ball, GatoCan... Había moitas series e debuxos en galego que nos animaban a falalo. Hoxe, os meus sobriños, que son moi nenos, non consumen contido en galego, non teñen ídolos que falen nesta lingua», di Meixe.