Curtas: terror e fantasía alén da gran pantalla en Vilagarcía

FUGAS

CEDIDA

O programa está alumeado pola alongada sombra de Batman, «leit motiv» elixido polos responsables do certame

25 oct 2024 . Actualizado a las 11:03 h.

Poder gozar de máis dun cento de traballos punteiros e do cinema independente dos xéneros do terror e da fantasía facturados en 31 países dos cinco continentes totalmente de balde. Este é o privilexio que ofrece na fin do mundo o Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa. Desde hoxe e ata o 2 de novembro, o certame audiovisual decano de Galicia levará os seus asistentes moito máis aló da gran pantalla na súa 52.ª edición. Fóra dela agarda un programa paralelo alumeado pola alongada sombra de Batman, leit motiv elixido polos responsables do Curtas este ano, pero con moitas máis boas razóns para achegarse ata o Salón García da capital arousá e arredores.

  A proxección do Batman de Tim Burton, Michael Keaton, Kim Basinger e Jack Nicholson co gallo dos 35 anos da súa estrea inaugura esta noite, ás 21.30 horas, o maratón de filmes que cada tarde, de 16 a 23 horas, se proxectarán no Salón García. Entre eles, un dos inesperados grandes éxitos de público nas salas dos Estados Unidos, a terceira entrega da saga Terrifier, que hai dúas semanas pasaba polo festival de Sitges xunto a varias das outras 30 longametraxes do Curtas; dez delas, catro con selo español, na súa Sección Oficial Fantástica, cun apartado para curtametraxes no que compiten 38 traballos, dos 86 que se pasarán en Vilagarcía.

E que ofrece este ano o Curtas fóra da sala de cinema? Pois máis aló das súas exposicións, dúas delas centradas en Batman e o seu universo na banda deseñada e no celuloide ao longo dos 85 anos desde a creación do heroe de Gotham City, unha feira de novos talentos das artes plásticas e da artesanía, un salón de xogos de rol, un encontro co guionista da adaptación para Amazon Prime de Apocalipsis Z, gozar dunha cena exclusiva vendo O baile dos vampiros de Polanski con actores interpretando os seus personaxes e interactuando cos comensais nun comedor ambientado, ver a primeira adaptación ao cinema, muda, do Chepudo de Notre Dame cun grupo de cámara tocando en directo, fotografarse cun Batmóvil real ou asistir a un concerto sinfónico das bandas sonoras das películas de Batman.