Juliamny e Jusvely, as irmás de Venezuela que fan campaña pola lingua: «Nós hai dous anos non sabiamos que existía o galego. Hoxe xa pensamos nesta lingua, a 'silla' na casa é 'cadeira'»

FUGAS

Jusvely e Juliamny, xemelgas venezolanas que estudan no IES Rafael Dieste da Coruña e promoven a lingua.
Jusvely e Juliamny, xemelgas venezolanas que estudan no IES Rafael Dieste da Coruña e promoven a lingua. MARCOS MÍGUEZ

Estas xemelgas chegaron á Coruña hai dous anos e entraron axiña no corazón da lingua grazas á campaña «Aquí tamén se fala galego», coa que o IES Rafael Dieste da Coruña levou o galego en redes a todo o mundo

27 oct 2024 . Actualizado a las 17:12 h.

A educación non necesita exame no caso das xemelgas Juliamny e Jusvely. É algo que se percibe no primeiro contacto con estas irmás de 17 anos que chegaron en cuarto da ESO e cursan hoxe segundo de bacharelato na Coruña. Veñen de Venezuela e botan a lingua pola lingua, sen ofender!, coa idea de acoller a identidade do lugar no que viven. Juliamny e Jusvely participan na campaña Aquí tamén se fala galego do seu IES, o Rafael Dieste, o centro que fixo cunha campaña cultural entre profes e estudantes, unha das mellores iniciativas pola lingua da historia recente.

­—Cal foi o voso primeiro contacto co galego?

Jusvely. No instituto, co profe Alberto Pombo. Desde Venezuela, o noso país de orixe, non tiñamos relación coa lingua, non sabiamos que existía o galego! Axudounos moito a interactuar cos profesores, cos estudantes, coa xente da Coruña.

Juliamny. Eu acórdome da primeira vez que o escoitei na rúa na Coruña. Escoitabámolo nos bares, cando saïamos, en xente moza e en xente maior. A nosa nai explicounos que aquí había unha lingua propia. Acórdome clarito do primeiro día que cheguei á clase de galego e o noso profesor empezou a falar e eu non entendía... Pero el díxome: «Non te preocupes, que tes tempo de adaptarte».

Non houbo presión nin présa?

 

Jusvely. Non, non houbo ningunha presión. Nin che dicían que falabas mal...

O caso era falar.

 

Juliamny. Si, o caso era falar. E así empezamos a meternos na campaña Aquí tamén se fala. Nas aulas de galego, co profesor Alberto, iamos revisando os estereotipos da lingua. Por exemplo, o de «nas cidades non se fala galego». «A Coruña é unha cidade, o galego é rural e o castelán lingua urbana». Esa foi a liña directa que tivemos nós para conectar co galego. E coa campaña do instituto comezamos a ir polos comercios da Coruña ensinando a campaña e vendo a reacción da xente.

Jusvely e Juliamny, no IES Rafael Dieste da Coruña.
Jusvely e Juliamny, no IES Rafael Dieste da Coruña. MARCOS MÍGUEZ

Que vos dicía a xente da rúa?

 

Juliamny. Moitos, que era impresionante o que faciamos. E se dicías algunha palabra mal, dicíancho, pero tamén dicían: «Non te preocupes, todos nalgún momento falamos mal o galego», que é algo que tamén pasa co castelán... A min gústame a lingua como tal!

Jusvely. A facilidade para falala, non só cos estudantes de aquí, senón tamén coa xente maior. Falando con eles, entras directamente no corazón da lingua.

É doado falar galego?

 

Juliamny. A min de forma natural sáenme palabras en galego aínda que estea falando en castelán. Sobre todo, entón. Non digo nunca entonces, digo entón. Empezamos a pensar en galego. O meu pai pediume que lle ensinásemos a falalo.

Jusvely. El falaba un pouco co estilo portugués, e iso chocábanos na orella. Nosoutras marcámoslle aí a diferenza.

Jusvely. Pero vai progresando...

Juliamny. O noso pai xa entende moitas palabras en galego e nosa nai tamén. Ela traballa con xente que fala sempre galego, que son galegofalantes. Ela xa estaba conectada co galego, polo seu traballo, antes que nós.

—Que facedes en galego, ademais de promocionalo coa campaña do instituto?

Jusvely. Vemos a tele en galego e lemos libros, novelas, en galego. Informámonos moitas veces en galego.

Juliamny. Vemos o Telexornal, por exemplo, entre outros programas. E tamén escoitamos música en galego, Grande Amore, as Tanxugueiras, Antía Muíños... Coñecémola pola campaña do instituto e encántanos.

Como vedes a convivencia do galego co castelán no voso día a día?

 

Juliamny. Vemos que as dúas linguas conviven.

Jusvely. Vivimos na Galiza, deberiamos darlle máis importancia ao galego que ao castelán, non como unha imposición do idioma. O que hai que pensar é que o galego é a nosa identidade, fai galegos aos galegos. O Aquí tamén se fala busca que o galego se desenvolva nos lugares de prestixio.

Juliamny. A lingua axúdanos a ser parte do lugar no que vivimos.

Que cousas dicides sempre en galego?

 

Juliamny. Sempre digo «graciñas».

Jusvely. Gústame máis o «vermello» que o «rojo». E a «silla» na casa é «cadeira». Gustoume desde que a escoitei, namorei.