Rebeliom de Inframundo, a banda de rap que reivindica o galego: «Necesitamos un goberno que defenda que a nosa lingua existe, tamén en Netflix, Instagram e o que veña»

FUGAS

PACO RODRÍGUEZ

Os músicos do grupo de rap vigués levan unha década reivindicando o galego a través das súas cancións, dentro e fóra de Galicia

22 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O galego mal falado é o que non se fala. Esta é unha das moitas cousas que teñen claras os compoñentes de Rebeliom do Inframundo, un grupo vigués que leva máis dunha década achegando a súa música, en rigoroso galego, a un público que cada vez é máis abundante. O que fan é rap, mesturado con todo tipo de xéneros, polo que atrae especialmente á xente nova. Por iso mesmo estes músicos teñen moito que dicir con respecto á transmisión da lingua e a como se senten vivindo nunha Galicia na que, por estatística, cada vez se fala menos galego.

 

Os Rebeliom son seis rapaces que tratan de cambiar un pouco o mundo co seu proxecto. «Non sei se podemos cambialo, pero, polo menos, queremos deixar algo nel», corrixe Nervo. El, Cristopher Machado, é o letrista e vocalista da banda. Un tipo humilde, traballador e implicado, que deixa a súa pel, e o que lle percorre por dentro, en cada verso que rima. Nervo non ten papas na boca. «Non é ningunha sorpresa que o galego vai a pique», admite. «Tendo en conta que nin nas institucións ou organismos públicos de Galicia se fala a nosa lingua, non podo dicir que me sorprenda. O médico fala castelán, o mestre tamén e na Radio Galega escóitase cumbia», engade. Dálle a razón sen contemplacións Malvares, Xosé Antonio Reguera, outro dos rapeiros de Rebeliom. «Eu son de Moscoso, unha aldea duns trescentos habitantes, e na miña xeración eramos todos galegofalantes. Agora, dos nenos que hai no pobo só un sabe falar a nosa lingua», explica. «É imposible que aprendan se na casa só escoitan castelán», córtalle Nervo.

 

inmersión lingüística na escola

Estes dous músicos sinalan a importancia de levar a cabo un bo programa de inmersión lingüística na educación para comezar a tratar o problema. «Os nenos hoxe en día xa viven en castelán, así que necesitan aprender na escola», afirma Nervo. «Non existe unha defensa da nosa lingua por parte das autoridades públicas e iso é perigoso», apunta Pol, Pablo Alonso, un dos DJ da banda. «Directamente hai un ataque por parte de certos partidos políticos que parece que pretenden privatizar o idioma», sentencia Nervo. «E se morre a lingua, morre a cultura, a raíz, porque esa é a voz coa que nos comunicamos. De feito, como sigamos así, en cincuenta anos remataremos sendo un dialecto e de aí pasaremos ao declive», engade. O cantante dos Rebeliom, lonxe de ser pesimista, pretende que o pobo se dea conta da importancia do que está a permitir e a xerar el mesmo deixando de lado o galego.

O tema é algo que preocupa a estes seis músicos, que non teñen medo en recoñecer o que pensan. «Son un galeguista 100?% de esquerdas e, aínda así, cando falo con compañeiros sobre a situación da lingua, chegamos á conclusión de que botamos de menos a Fraga e a Cuíña. É unha cousa incrible, pero eles eran dun Partido Popular que apostaba pola nosa tradición e que levaba a cabo moitos proxectos en prol dunha Galicia que presumise do que é», di Malvares. «Aquí non se trata de ideoloxías políticas, trátase de traballar xuntos para manter o que somos», amplía.

 

«Netflix, instagram... o que veña»

Entenden que programas de televisión coma o Xabarín Club e bandas do movemento do rock bravú axudaron activamente para que a súa xeración aprendese e gozase a lingua. Pensan que habería que adaptar esa transmisión á realidade dos rapaces de hoxe. «Os mozos consomen series, cine e moito contido en redes sociais. Necesitamos un Goberno que consiga que o galego chegue a esas plataformas, que defenda que a nosa lingua existe, tamén en Netflix, Instagram e o que veña», recorda Nervo. «Temos que vender o galego de forma incrible. Se ti nunha escola lles pos aos nenos á Galinha Pintadinha en lugar do Baby Shark é o que van escoitar, o que lles vai molar», engade o cantante. En Rebeliom do Inframundo pensan que o cambio está en saber achegarse aos rapaces: dobrar películas, traducir videoxogos, apoiar proxectos de youtubers e influencers da comunidade. «E, por suposto, dar moitísimas máis axudas para os artistas que creamos en galego. Somos unha ferramenta de insurrección porque a cultura sempre o é», asegura Pol. El e os outros cinco achegan todo o que poden coa súa música, que leva sendo en galego dende que comezaron a rimar. Nunca se formularon facelo doutra maneira.

Rebeliom é unha banda que naceu en Vigo a finais do 2005. Con máis de trescentos concertos ás súas costas, o grupo ten dado concertos para miles de persoas. Leva dous veráns sendo cabeza de cartel da maioría de festivais de Galicia, onde o público os aclama e agarda con ansias de berrar e desconectar vociferando as súas letras. Pero non só triunfan entre os espectadores patrios, tamén o petan máis aló das nosas fronteiras. «Dende a primeira vez que tocamos fóra da casa o resultado foi moi bo», di Nervo. Cren que máis da metade da xente que os escoita fala só castelán. «Iso é precisamente normalizar o idioma: demostrar que non é necesario que a xente fale a nosa lingua para que nos entenda e, ao mesmo tempo, espertar neles as ganas de falalo», asegura Frank Huxley, outro dos cantantes da banda, que se ten atopado con fans que cantan dende a primeira á última das súas cancións en Valladolid, Barcelona ou León. Aínda así, en Rebeliom saben que o seu compromiso co galego provoca que parte do seu público decida aprender a lingua ou directamente lanzarse a falala. «Penso que son moitos os que senten orgullo de que haxa proxectos coma o noso, para todos os públicos e en galego», asegura Frank. O público maioritario do grupo vigués ten unha idade comprendida entre os 18 e os 30 anos. «Facemos unha música urbana e conectamos coa realidade e cos problemas da xente que vive hoxe nas cidades. Isto é moi importante porque penso que rachamos con ese idea absurda de que o galego é para as aldeas», razoa Malvares. De feito, o de Moscoso pon de relevo o problema do paletismo co que moitos relacionan a lingua de Galicia. «Non se dan conta de que ao pensar así só demostran a súa propia ignorancia, por non saber e non apreciar o privilexio que é ter un idioma e cultura propios, herdanza de toda a historia deste país», continúa.

 

Orgullosos galeguistas e músicos imparables, os Rebeliom do Inframundo defenden o seu idioma porque así é como pensan, como senten, como escriben e tamén como cantan. «En todos os concertos que damos, ao rematar, vén alguén a dicirnos que se o noso proxecto fose en castelán, estaríamos petándoo moitísimo máis. Eses aínda non se decataron de que isto é unha cuestión de identidade, de cultura e de deixarnos de trapalladas, que todos escoitamos bandas en inglés sen ter nin idea, pero na música hai algo máis, que move por dentro», di Nervo, que remata severo: «Como isto continúe así, en cincuenta anos o 70 % da comunidade non vai saber falar o seu propio idioma». Malvares corrixe, máis optimista: «Hai unha parte minoritaria da sociedade galega que, tanto política como culturalmente, está facendo unha resistencia fortísima —conclúen—. Non van acabar con nós».