Peter Petrowski, o produtor de moda na escena musical galega

FUGAS

cedida

Máis de 50 cancións publicadas este ano levan a sinatura deste produtor de O Porriño que ven de presentar o seu primeiro disco: un auténtico «All Stars» de artistas emerxentes

13 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Dun tempo a esta parte o nome de Peter Petrowski asoma nos créditos de moitos dos temas e discos referencias da nova escena musical galega. As últimas cancións de Mondra e de Fillas de Cassandra ou os recentes álbums de Hugo Guezeta ou de Nadie González levan a (inconfundible) sinatura na produción deste porriñés de 30 anos.

Que por moito que agora soe con máis intensidade —el resístese a aceptar que é o «produtor de moda»—, para nada é un recén chegado. Ademais de formar parte como vocalista e beatmaker dos inesquecibles Ezetaerre, Peter Petrowski leva unha década producindo (e creando remixes) para artistas que en demasiadas ocasións non foron quen de emerxer moito máis alá do pantanoso territorio do noso underground.

Pero agora chegou o momento de celebralos e de celebrarse. Co gallo da súa década ao servizo profesional da música e das súas tres décadas de vida, Petrowski vén de publicar o primeiro disco que asina como propio. Titúlase All Stars e se neste remate do 2024 fixera una ranking dos mellores álbums galegos —que non vai ser o caso—, estaría sen dúbida entre eles.

Que All Stars é unha celebración queda meridianamente claro dende os primeiros acordes e os primeiros versos de O mellor de cada casa, un tema imbatible para abrir calquera festa. E, tanto ou máis importante é que, segue quedando igual de claro cando rematas a escoita do álbum con Cando caia o sol, o tema que comparte con Willow GHZ e Gabri, o cantante de Dakidarría.

Vinte artistas colaboran neste traballo. Durante ano e medio Peter Petrowski estivo compoñendo bases e unha vintena de instrumentais, que despois lle pasou aos artistas para que escolleran nos que querían participar Ademais de Gabri e Willow GHZ, no disco atopamos a Amorodo, Arisca, Basukinho, Cousxs, Flow do Toxo, Ganjack, Garchu, García MC, Hugo Guezeta, Lidia L. Chao, MJ Pérez, Mr. Mati, Nadie González, Nuria Vil, O Rabelo, ST, Temible Olivina, Tiam GZ e Xmaseda. O resultado desta fértil e feliz confluencia son 11 temas, case todos achegados ao hip hop con chiscadelas de electrónica e de son urbanos, pero tamén cunha notable carga de melodías pop.

Petrowski fixo unha única presentación en directo deste álbum —na sala Rebullón, de Mos— coa participación de moitos dos seus colaboradores. «En principio, non hai previstos máis concertos», sinala.

«Sénteste máis cómodo nese papel de facer o traballo dende a sombra para que luzan outros?», pregúntolle. «Eu xa vivín a miña época de dar concertos e aparecer nas portadas dos discos. Así que agora este cambio de terzo non me resulta incómodo. Eu o que pretendo é ser un catalizador para que as artistas que veñen aquí poidan explotar e potenciar ao máximo o seu talento e as súas capacidades», explica.

Recoñece Peter Petrowski que moito cambiaron, a mellor, as cousas na escena musical galega nestes dez anos nos que el leva formando parte dela. «Está todo moito máis avanzado pero aínda nos queda moito camiño por percorrer», comenta. «Vivimos un moito moi doce, pero, sen querer ser pesimista, falta algo máis de profesionalización e unha aposta maior por parte dos festivais e dos programadores de chamar a máis grupos noveis. Estan levando só ás figuras establecidas deste novo bum, pero hai moita vida máis alá, e creo que hai que se un pouquiño máis Valente».

Entre os inminentes lanzamentos que verán a luz baixo a tutela sonora de Peter Petrowski está os novos temas de Sun Iou, MJ Pérez, Amorodo e Xmaseda así como novo disco de O Rabelo e algúns outros de artistas de renome que aínda non se poden anunciar, ademais do himno dun equipo de fútbol e unha banda sonora teatral.