O inexplicable no cotián

Ramón Nicolás

FUGAS

20 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Chego a estes Contos gringos de Lara Dopazo tras gorentar, hai xa algúns anos, unha compilación de relatos da súa autoría que se publicaron baixo o título de O axolote e outros contos de bestas e auga.

A escritora marinense segue aferrada a uns principios dos que felizmente non abdica. Ao contrario, parece reafirmarse neles como son a preocupación formal, a solidez estrutural dos relatos conducidos ata un clímax final case sempre imprevisible e un esixente coidado expresivo sen abandonar, tampouco, a querenza pola temática sobrenatural ou polo inexplicable que escoa no universo do máis cotián.

Unha ducia de relatos que reflicten unha atmosfera moi concreta como é a de diversos espazos do Estados Unidos de América máis profundo, agás un caso onde aparece Nova York. Todo isto tras a estadía da autora en Iowa entre o 2021 e o 2023 que, como ela mesma confesa, foi fonte de inspiración para a obra. Contos gringos, daquela, recrea unha realidade pouco transitada literariamente entre nós e á que se transfire unha ollada diferente na que por veces xorden relampos irónicos ben acaídos. Velaquí, asemade, a procura constante de certo desacougo —tamén presente no volume de relatos anteriores—, do estraño ou da violencia en ocasións exposta de xeito explícito. Cómpre non ignorar dous elementos como son a acollida que se fai dunha natureza revelada no seu estado máis libre —é magnífico o relato protagonizado por un tornado que serve de imaxe para a cuberta— e inclúo aquí a presenza constante de animais e, por outra banda, o deseño de personaxes obsesivos levados en tantas ocasións ao límite e que xeran situacións por veces incribles pero sen nunca perder a verosimilitude.

Dopazo, ademais, sitúanos en contextos que, malia se desenvolveren a milleiros de quilómetros, poden ser tamén próximos ou familiares como unha visita a unha sala de urxencias ou as razóns que explican como a aparición constante duns abelorios articula unha trama que cadaquén pode reconstruír ao seu gusto. É neses relatos, ao meu ver, onde máis brilla a autora e onde reside a atracción que un sente por eles: as súas tramas sitúan o horizonte de expectativas alto e, ao mesmo tempo, nun eido onde todo é interpretable.