Quizais non saír do asombro

Diego Ameixeiras PENSAMENTOS IMPERFECTOS

FUGAS

MARCOS MÍGUEZ

29 dic 2024 . Actualizado a las 21:04 h.

Quizais arder. Quizais evitar xuízos apresurados e descubrir motivos ocultos, impulsos inexplicables, forzas magnéticas. Quizais deixarse levar, quizais poñer terra por medio. Quizais negarse a participar no xogo. Quizais ser doutra galaxia. Quizais facer un drama, quizais encoller os ombros, quizais apertar os puños. Quizais sentirse de cristal. Quizais bater en ferro frío.

Quizais sacar un peso de enriba, o máis profundo, e saír da casa ovacionado por un mesmo. Quizais reparar nun pequeno detalle, nun ángulo invisible, nunha desaparición silenciosa. Quizais bañarse nun ancho mar de contradicións. Quizais asistir a un final. Quizais cambiar de argumento. Quizais reforzar unha opinión. Quizais entrar en pánico, quizais aparentar calma, quizais facelo moi mal, quizais seguir milagrosamente en pé. Quizais vivir entre a néboa. Quizais escribir unha historia mellor. Quizais escoitar Song for the dreamers, de Danny & Dusty, e experimentar unha euforia inmediata.

Quizais reclamar o amparo dunha árbore. Quizais andar por aí perdido de noite, coma un can sen dono. Quizais non pedir nada, quizais poñerse a salvo ata que escampe. Quizais non ter que escoller. Quizais estar fóra de control. Quizais perder unha oportunidade, quizais gañar terreo. Quizais planificar o asalto definitivo, quizais unirse nunha soa voz. Quizais conformarse. Quizais chegar tarde e retirarse a destempo. Quizais non manter as formas. Quizais improvisar no ascensor, quizais predicar no deserto. Quizais levar a contraria, quizais non querer estar á altura.

Quizais destacar esa tarefa. Quizais ser máis paciente, quizais fracasar como antes, quizais ter ese capricho. Quizais seguir o rastro dun animal, quizais obedecer o seu mandato. Quizais botar lume pola boca, quizais escoller un mal menor. Quizais perder o medo. Quizais abandonar. Quizais insistir. Quizais ser brando, quizais ser implacable, quizais quedar o último. Quizais non respectar nada, quizais non saír do asombro. Quizais ter unha estratexia. Quizais pisar o freo, quizais precipitarse, quizais desobedecer. Quizais caer en picado e remontar un minuto despois. Quizais suspender os actos previstos. Quizais inclinar a balanza, quizais sentirse fóra de lugar, quizais agradecer tanta axuda. Quizais merecer outra sorte. Quizais non ter nin idea, quizais pedir unha explicación. Quizais levar a carta máis alta.

Quizais ser raro. Feliz 2025.