
Na última escena de A fuxida, despois de deixar atrás os seus perseguidores, o atracador interpretado por Steve McQueen agradecía a axuda dun vello vaqueiro desexándolle o triunfo existencial por antonomasia: «Espero que atope aquilo que estea buscando». Andamos todos metidos nesa tarefa tan complexa. No traballo de satisfacer unha aspiración profunda, no labor de culminar un desexo primordial, no proceso de dar con esa localización definitiva que faga mudar o rumbo dalgún vento interno perturbador, resistente a ser catalogado. Non semella un camiño de rosas. As ansias máis cotizadas adoitan escorregar das mans, tenden a emboscarse coa rutina diaria, divírtense co xogo de afastarse a medida que tentamos avanzar na súa dirección. «Non desesperes polo coñecemento / eu non sei nada, pero a tarde sempre escoita», escribiu John Keats. O ano arrincou co falecemento de Brenton Wood, cantante e compositor de soul, autor da máxica Ougum Boogum Song, unha desas cancións que falan de paixóns descontroladas e buscas lixeiras, para coller altura na casa mentres tendes a roupa, pasas a aspiradora ou preparas o xantar. En Gimme Little Sign, outro dos seus grandes éxitos, dirixíase a un amor de mocidade procurando un sinal, unha resposta, síntomas de conexión. Un indicio ao que agarrarse, asomos para insistir, calores en potencia. Non descarto un vento novo. Pero este 2025, en principio, trae unha cara moi fría. Preséntase escuro, autoritario, bélico, neofascista. E cunha parte crecente da poboación observando bondades románticas no discurso embrutecido dos Trump, Abascal ou Milei, onde seica encontran respostas convincentes contra o establishment progresista e un marxismo cultural que, na súa opinión, levaría décadas sen deixarnos respirar a todos. Eu ando estes días do xaneiro profundo pedíndolle, ao ano que comeza, un pequeno sinal para tomar osíxeno. Un detonante que me faga comprender a razón pola que os discursos de odio conectan cada vez máis, por exemplo, con esa mocidade que aplaude o franquismo e vería aconsellable un adelgazamento das liberdades civís. Confeso que tamén me gustaría atopar o que estamos buscando todos. Ese resorte misterioso que sempre nos falta, que sempre se nos resiste, esvaradío por definición. Pero son lento. Torpe para interpretar mapas. Por sorte, cando desespero, vou tendo algunhas tardes que aínda me fan o favor de escoitarme.