Xiana Lastra, A Banda da Loba: «Ser loba significa liberarse das ataduras e vivir como queiras ti»

FUGAS

cedida

A publicación de «Lovismo», o novo disco do grupo tras algo máis dun ano de repouso, danos pé a falar de amor (na súa máis ampla acepción), de música, de literatura, da comuñón entre ambas, da lingua e da tradición oral. O sábado día 1 actúan na Capitol de Santiago

24 ene 2025 . Actualizado a las 11:55 h.

As lobas están de volta. Aínda que nunca marcharon de todo. Retornan máis amorosas ca nunca. E envoltas nunha policromía sonora que contrasta co vermello que tingue o deseño do seu novo disco, Lovismo. Un marabilloso catálogo de declaracións esenciais que afianza os seus postulados e compromisos substanciais, ao que lle incorporan novas e refrescantes sonoridades, oportunos escintileos de serena madurez e renovadas ansias, no profesional e no vital.

—Dicides deste disco que é «unha declaración de amor». Nos tempos que corren?

—Pero é que nós imos en contra dos tempos que corren en moitas cousas, non? Este parón dun ano estivo cheo de situacións relacionadas co amor: a maternidade de Andrea, a sororidade como compañeiras dentro da banda ao ter que marchar Inés por un problema de saúde... E como sempre falamos das cousas que nos van removendo, pareceunos bonito facer un disco de cancións de amor. Porque, ademais, é o que dis ti, semella que a realidade o que che dá é todo o contrario.

—Por que parastes?

—Primeiro, porque necesitabamos un descanso. Levabamos moitos anos enganchando os discos coas xiras, sen apenas parar nunca. A iso sumóuselle que Inés tivo que marchar por unha cardiopatía, co que tiñamos que atopar outra guitarrista. E a maiores, chegou unha lobiña ao cubil, porque Andrea tivo unha filla, Carmela.

—A que dedicastes este tempo?

—A verdade é que con excepción de tres ou catro meses que si que foron de descanso, o resto do tempo estivemos compoñendo, ensaiando, sacamos os temas de Luísa Villalta... A maquinaria nunca chegou a parar de todo. Pero si que é certo que o fixemos con outro ritmo e con outro pouso.

—De que se dá conta unha cando para, cando se afasta un ano de toda esa vertixe?

—Permíteche analizar cara a onde queres ir. Demasiadas veces veste envolta nesa inmediatez que se impón agora na industria musical e parar permíteche coller perspectiva e dicir: «Nós que queremos facer?».

—E a que conclusión chegastes?

—Á de que nós somos nós e que queremos seguir sendo o que somos. De feito, o noso produtor [Arturo Vaquero] sempre nos di que a nosa música perdurará porque facemos cousas alleas ás modas.

—Que cambiou de vós neste disco?

—O máis evidente é que cambiamos a guitarrista. A incorporación de Iria nunha banda que xa leva tantos anos foi un pequeno sopro de aire fresco. Tamén quixemos traballar un pouco máis a produción e atrevémonos a reforzar a nosa sonoridade incorporando máis a electrónica, o que nos permite achegar máis o son do directo ao do disco. Aínda que para nada queremos ter un repertorio cheo de bases electrónicas.

—Á hora de incorporar guitarrista, pasóusevos pola cabeza incorporar un rapaz?

—Temos tocado con rapaces en momentos puntuais, por exemplo, se algún día faltaba algunha de nós. Pero como banda estable, cremos que temos que ser cinco mulleres. Sería un pouco raro que A Banda da Loba tivese un lobo. Non porque teñamos nada contra os lobos, senón polo que defendemos e pola nosa propia esencia.

—Moléstavos o apelativo de «banda feminina»?

—Non é que nos moleste, pero si que denota que aínda queda moito por conquistar. No momento no que non haxa que visibilizar que unha banda é feminina será porque efectivamente se conseguiu a igualdade. Por agora, aínda é algo raro. Pero cada vez utilízase menos. Xa non nolo din tanto.

—Falabamos antes do que cambiou en vós. E que cambiou na escena musical?

—Teño a sensación de que está todo máis polarizado que nunca. Eu o que vexo é que na creación musical hai moita diversidade pero nos escenarios non. Digamos que o que se está permitindo que se escoite é cada vez algo máis definido. Cada vez imos máis cara o novo trad con bases electrónicas. É certo que nese ámbito estase a facer música de moita calidade e dun xeito moito máis profesional pero tamén creo que é importante que o público poida escoitar outras cousas. A ver, eu entendo que un festival autoxestionado acabe tirando do que vende porque necesita encher un recinto. Agora, cando se trata dunha institución ou dun festival que ten un gran apoio público, aí debería primar a diversidade e ser un gran escaparate da música galega.

—Non tivestes nunca no proceso de creación deste disco, que tan variado é, a tentación de achegarvos ao «tradi».

—Non, porque nós non somos iso.

—Como presentarías «Lovismo» a alguén que aínda non escoitou o disco?

—Eu diría que, como todos os nosos, é un disco superheteroxéneo, dentro de que nós sempre intentamos que teñan un fío condutor. Eu definiría Lovismo como un conxunto de cancións de amor, pero dende unha perspectiva múltiple. No sentido de que non falamos só do amor romántico. Falamos do amor polas fillas, polas amigas, pola nosa terra, pola nosa identidade... É un amor amplo e liberador. E tamén nos parecía importante falar do desexo, porque é algo do que non se fala. E menos, do desexo feminino.

—O de heteroxéneo é ben certo. Hai pop, funk, bachata, ska, «world music»...

—Iso ten que ver con que todas nós escoitamos música moi variada. Ningunha é superfiel a un estilo. Entón vánsenos ocorrendo cousas segundo o que nos pide o corpo. E ten que ver tamén con que o noso proceso de compoñer é moi comunitario.

—Desta volta, soltastes  temón?

—Nós non somos de soltar moito o temón, somos de controlalo bastante todo. Pero bueno, un pouco si. Diría que máis que soltalo, deixámolo xirar un pouco.

—Que significado ten ese fío vermello que aparece nas fotos e na edición física do disco?

—Como falabamos do amor e da conexión dende diferentes perspectivas, gustábanos mostrar esa conexión entre todas as persoas a través dese fío vermello e falar do amor como humanidade, como comunitario. E a nivel visual parecíanos interesante ter un elemento que lle dera continuidade ao deseño e aos vídeos.

—«Convértete en loba», cantades no tema que abre o disco. A que vos referides?

—Nese contexto, converterse en loba ten a idea de liberarse, de soltarse das ataduras que che atenacen segundo a como tes que querer ou quen che ten que gustar. Converterse en loba é vivir como queiras.

—Semella que máis que mandas, o que agora queren que sexamos é rabaños.

—Totalmente. E se a manda é de lobas, aínda peor, porque ten carácter e non se deixa levar pola corrente.

—As inspiracións literarias son outro dos vosos sinais de identidade. Neste disco hai poemas de Irene Solá, Rosalía de Castro, Olga Novo e Luísa Villalta.

—Con Luísa non había moita dúbida porque nas Letras Galegas, e máis cando é unha muller a homenaxeada, é costume que fagamos cancións. Con Irene Solá deuse a circunstancia de que a léramos todas. E con Olga Novo, Andrea sempre tivo o soño de facer unha canción con ese poemario. Esa necesidade de difundir algo da literatura galega para facela chegar doutro xeito é algo común a todos os nosos discos.

—Como traballades estas adaptacións literarias?

—O máis difícil é cando a persoa está morta. Porque se musicas a Celia Parra ou a Rosalía Fernández Rial, que as coñeces e están vivas, pois dislle: «Rosalía, mira, esnaquiceiche o teu poema, que che parece?». E elas danche a súa opinión. Pero cunha persoa que ten unha escrita moi contemporánea e, polo tanto, moi irregular, como poden ser Xela [Arias] ou Luísa [Villalta], e ás que, por enriba, non lles podes pedir permiso, tes que ir con moito coidado. Neses casos, aínda que sempre tes que facer pequenas adaptacións, intentamos ser o máis fieis posibles aos poemas orixinais.

—Como ves a escena contemporánea literaria en Galicia?

—Eu véxoa xenial. E a proba tela en cantas traducións se fan. Xente como Ledicia Costas, Berta Dávila... Creo que temos unhas escritoras e escritores de altísimo nivel.

—E a conexión entre literatura e música, máis alá do voso caso?

—A pesar de que é unha conexión moi natural, porque en esencia a poesía son cancións, cada vez se musica menos poesía. E creo que é porque iso está como moi vinculado á canción de autor. Cando non ten por que ser así. Nós quixemos demostrar que se pode saír desa estética e dese estilo á hora de musicar literatura.

—Que che parece que se lle dedique o Día das Letras ás cantareiras e á tradición oral?

—A min, poñer en valor a tradición oral paréceme unha idea fantástica. E comparto a postura de que hai que evitar que iso propicie que entre o castelán na celebración das Letras. É indubidable que na nosa tradición oral hai moitas coplas recollidas en castelán, pero fronte a quen di que hai que conservalas tal e como foron recollidas, eu son da opinión de que foron recollidas así polas características sociopolíticas daquel momento, e que o que hai que facer a día de hoxe é un traballo, ben de tradución ou de escolla doutra copla que fale do mesmo. En calquera caso, cando menos, paréceme interesante que exista o debate.

—Aínda que vós tirades por un camiño ben distinto, que lle debe A Banda da Loba a esas mulleres e a esa tradición?

—Calquera persoa galega é herdeira desa tradición. Á parte de que a música tradicional ten como algo telúrico, que se reflicte no xeito de transmitila. É como que te remove. E eu creo que esa configuración levámola todas no ADN. Efectivamente, nós non a transmitimos directamente pero si que bebemos dela en moitas ocasión. Pepa é o caso máis obvio, a canción que máis se achega a esa estética. Pero hai outras, como Catalina ou Luz no furacán, que, se te pos a escoitalas, son muiñeiras, son xotas... Que non teñen unha pandeireta marcando o ritmo? Vale. Pero a súa esencia está aí.

—Como ides conmemorar este ano o Día das Letras Galegas?

—Aínda o estamos pensando. Algo hai que facer pero aínda non sabemos que. Certo é que este ano, se cadra, é cando menos necesario vai ser porque está Galicia petada de xente que vai facer iso. Outros anos, se nós non musicabamos a Luísa Villata ou a Xela, ao mellor non había quen as fose musicar. Pero neste caso, afortunadamente, vai haber moitísimas homenaxes.

—Como valoras a relación que existe entre música e lingua en tempos recentes?

—É superinteresante que os grupos galegos que son mainstream canten na nosa lingua. Se ben é certo que iso non chega á xente de xeito global. Ti vas á miña clase, que son adolescentes, e ninguén coñece ningún grupo en galego. Ás veces tes a sensación de que vives dúas realidades paralelas. O feito de que nos festivais, por exemplo, haxa cabezas de cartel en galego, non sei ata que punto vai facer que a xente fale galego, pero polo menos escóitano, que xa é moito. Penso que se está a dar un cambio de mentalidade respecto á lingua entre a xente moza. 

—Como vai ser o concerto do día 1 na Capitol?

—Eu creo que bastante impresionante (ri). É que hai moitas cousas. Hai as colaboracións de De Vacas e Tomé Mouriño (De Ninghures), levamos os ventos, hai unha escenografía chulísima e un repertorio que está soando moi ben. É un concerto que ten moita forza.

  • SANTIAGO. CAPITOL. SÁBADO 1. 21.30. 13,20 EUROS