Lucía Veiga, candidata a mellor actriz revelación por «Soy Nevenka»: «Aos 37 anos vendía teléfonos en internet e agora vou polo Goya»

FUGAS

Hai oito anos Lucía Veiga decidiu que o seu era a interpretación. Logo de «Rapa», estreou no 2024 «Soy Nevenka», película na que dá vida a Charo Velasco
24 ene 2025 . Actualizado a las 09:47 h.Lucía Veiga (A Coruña, 1979) é a demostración de que na vida non sempre hai que cumprir cos tempos que estipula a sociedade, de que non todos descubrimos o talento e a vocación á vez. Esta coruñesa de barrio, como ela mesma se identifica, da zona dos Mallos, é unha muller tímida, alegre e moi empática, cunha capacidade especial para identificarse cos demais. Pode que por iso mesmo sexa unhas das actrices do momento. Lucía está nomeada a mellor actriz revelación nesta edición dos Goya polo seu papel como Charo Velasco na película Soy Nevenka, dirixida pola cineasta Icíar Bollaín. Este filme non é o único bonito que fixo a intérprete no 2024. Tamén traballou con Carmen Machi nun capítulo da serie Celeste, sae en Clanes e na película As Neves. Non para e non ten pensado facelo.
—Vostede descubriu a interpretación con 37 anos, un pouco por azar, e demostra cada día dende entón que atopou o seu camiño. Un final é sempre un bo comezo?
—Son unha abandeirada de que nunca é tarde para probar, arriscarte con algo novo e cambiar o rumbo da vida. Sempre lles digo aos meus que si se pode, e mira se é verdade. Nunca pasou pola miña cabeza a posibilidade de dedicarme á interpretación. Eu quería ser profe e, se me poño a reflexionar, chego á conclusión de que esta é simplemente outra forma distinta de comunicar e expresarse. Aos 37 anos traballaba vendendo teléfonos en internet. Estaba bastante triste e, de súpeto, botáronme, así que pensei que o que escollera naquel momento ía ser definitivo. Ao deixarme levar empezaron a aparecer cousas. Primeiro unha webserie, logo un espazo en Luar e outras moitas pequenas oportunidades ata que chegou Rapa.

—E traballar con Javier Cámara...
—Tiña certas referencias do duro que podía ser o mundo de egos que conflúe nesta profesión. Tiven a inmensa sorte de dar con equipos marabillosos e cando cheguei a unha produción grande atopei coa familia de Portocabo. Javier foi o mestre que nunca pensara ter e foi o último impulso para decidirme a quedar na interpretación.
—Logo diso chegou «Soy Nevenka», de Icíar Bollaín. Igual de fermoso?
—E tanto! Esta profesión está chea de dúbidas e a min moitas veces se me pasa pola cabeza se serei suficiente. O único que quero e non deixar de desfrutar, pero con persoas como Icíar é sinxelo conseguilo. Fíxome ela a proba e xa só por coñecela nese momento eu sentín que era unha privilexiada. Logo me colleron e foi incrible. Ten unha capacidade de dirixir e de expresar moi especial. Pide o que quere e é moi tranquilizadora. Sabía de sobra que fisicamente eu non tiña nada que ver con Charo Velasco, pero Icíar quería plasmar a súa enerxía, quería aura de política e pouco a pouco fun entendendo a que se refería. É un papel pequeno e non sabía canto de importante podía ser a miña achega á película en tan só cinco escenas, por iso cando quixeron presentar a miña candidatura para os Goya foi unha verdadeira alegría.

—Soubo da boa nova por compañeiros. Que foi o primeiro que fixo?
—Pórme a chorar. Logo mandeille por WhatsApp o fragmento do nomeamento á miña nai, que estaba na perruquería e mandeille un audio ás miñas amigas sen parar de chorar.
—A película retrata moi fielmente o xuízo social e público ao que se tivo que enfrontar Nevenka e, de feito, aparecen varios fragmentos reais de xornalistas e comunicadores quitándolle valor á súa testemuña. Pensa que a sociedade evolucionou? Que hoxe ese xuízo sería diferente?
—Noto que estamos no camiño correcto, pero que aínda falta moito por traballar en nós mesmos. O filme está servindo para que moita xente descubra como cambiou o seu parecer nestes 25 anos. Dinme que notan moitas diferenzas no seu pensar, dende que souberon do caso nos noventa, ata hoxe, que o reviven ao ver a peli. Eu son un pouco menor ca Nevenka e teño que dicir que naquel momento non sentín a empatía que sinto hoxe. O papel da xente que rodea os casos de acoso é importante e é fundamental saber actuar ante unha circunstancia así.

—Foi difícil preparar a personaxe de Charo?
—É un papel moi agradecido porque Charo é a encarnación da sororidade cando aínda no se falaba dese termo e, sen dúbida, a persoa á que todos nos gustaría parecernos nesa situación, porque priorizou a humanidade fronte ao beneficio político. Mollouse. Cando hai a sorte de que ao noso redor haxa persoas con valores e con valor, pois todos saímos gañando. Estou desexando coñecela persoalmente.
—O mellor e o peor da súa profesión?
—Penso que moitas veces entrelázase o mellor e o peor de ser actriz. Neste traballo sofre moito o ego de cada un, porque tes a tendencia a pensar que cando te rexeitan é algo contigo como persoa, sen pensar que hai moitos outros factores. A competencia ten un factor de validación persoal, no tema do físico e da idade, por exemplo, e iso é algo malísimo. A parte de glamour, do sarao e das relacións sociais tampouco me gusta. O mellor é que sacia as inquedanzas creativas e ademais é unha ferramenta na sociedade.
—Cal querería como próximo papel?
—Gustaríame explorar o mundo das mulleres, especialmente eses papeis que implican situarme dende un punto descoñecido como a maternidade, por exemplo.
—Que fai Lucía cando non traballa?
—Pois teño dúas versións moi diferentes. Unha moi intimista, que aprendeu a estar soa e desfruta lendo, debuxando e vai a clases de guitarra. E outra moi social, á que lle encanta compartir conversa e que é feliz escoitando falar aos demais. Eu son unha muller de barrio, dos Mallos, e o que máis me enche é estar coas miñas amigas e cos meus veciños.