Cando unha imaxe vale máis que mil acordes: artistas que ilustran icónicas portadas e carteis de concertos e festivais
FUGAS

Os ilustradores teñen na música un fértil territorio por explorar, e Galicia conta neste eido con destacados expoñentes, como Luis Sendón, Rebeca Losada e Laura Romero
02 feb 2025 . Actualizado a las 21:58 h.Se pensamos en ilustración ou en ilustradores, case seguro que o primeiro que nos vén á mente son libros infantís, relatos clásicos ou novelas gráficas. Pero máis alá diso hai outro ámbito no que a ilustración xoga un papel crucial: o da industria da música. Desde icónicas portadas ata vibrantes carteis de concertos e festivais, pasando polo deseño de camisetas, a conexión entre a música e a ilustración é profunda e inquebrantable.
Galicia non é allea a esta estreita relación. Ao contrario, conta con destacados representantes que levan xa moito tempo explorando con éxito as posibilidades que esta confluencia posibilita. Un deles é Luis Sendón, autor do cartel institucional do Día da Ilustración deste 2025, celebrado o 30 de xaneiro.
Ilustrador e deseñador gráfico, ademais de músico, Sendón leva máis de 20 anos especializado na creación de todo tipo de artes para festivais musicais de todo o mundo e para bandas como Soziedad Alkoholika, Angelus Apatrida, The Baboon Show ou Municipal Waste. «Unha das miñas habilidades é que comprendo bastante ben o que queren os grupos», di. Para iso, recoñece que previo a calquera traballo estudia as letras do disco ou a historia do grupo ou do festival que o contratou. As súas ilustracións caracterízanse pola escuridade e un certo ton fantástico. «Vin que no mundo do metal, co que eu compartía a súa idiosincrasia, había un nicho e especialiceime», conta.
E mira ti por onde, esa idiosincrasia, cunha estética na que están moi presentes elementos como as caveiras, o sangue ou a morte, converteuse nunha ferramenta de defensa fronte a intelixencia artificial, que teñen limitadas palabras e conceptos como sanguento ou terrorífico.
A defensa de Rebeca Losada fronte á intelixencia artificial é impregnar de emoción os seus traballos. «La IA le quita la parte humana a algo que tiene que emocionarte. Es una contradición», expón. A súa conexión entre ilustración e música xurdiu a partir da súa afección aos concertos. «Primero empezaron a encargarme carteles las salas, después empezaron a pedirme portadas y más tarde llegaron los festis». A súa estética, de corte moi pop e vitalista e cunha paleta de colores e unhas tipografías moi característica, cativou a Xoel López, a quen lle ten feito a maior parte das súas portadas. Entre os seus clientes están tamén El Náutico de San Vicente e as salas Mardi Gras e Capitol, Love of Lesbian, Toundra ou o Recorda Fest, entre moitos outros. «Ahora mismo, para una ilustradora es un mercado superapetecible. Se publican muchos vinilos, muchos singles y hay muchos músicos que están super a favor de contratar un ilustrador porque también son conscientes de que en las redes sociales, la magen es lo primero que entra». Ademais, engade que traballando con músicos séntese moito máis libre que traballando, por exemplo, para concellos.
Afincada en Madrid —«aunque el 80% de mi target es gallego»—, Rebeca Losada esquiva a literalidade e aposta nas súas ilustracións pola vertente máis poética e persoal. «Muchas veces ni siquiera escucho el disco entero antes para hacer la portada. Prefiero guiarme por lo que se intuye y por la historia que me cuenta el artista».
Non moi lonxe deses postulados se sitúa Laura Romero. Ao rematar Belas Artes decatouse de que a ilustración dáballe algo que non lle daba a pintura: a inmediatez. «É máis visceral e tes que ser máis directa», di. Así que por aí orientou o seu desenvolvemento.
Case como un exercicio de disciplina creativa e de estilo, ao tempo que de reivindicación, creou a serie Músicas Galegas Ilustradas. Entendeu entón que «a ilustración é unha linguaxe máis, non é só estética», e a partir de aí foi evolucionando o seu estilo, definido agora polos collages, as texturas con formas moi orgánicas, as cores e uns acabados que semellan imperfectos.
E, a pesar de que considera de que trala irrupción da Intelixencia Artificial «non estamos no momento máis optiomista, porque sempre hai quen prioriza aforrar uns cartos», o certo é que polo de agora sucédenselle os encargos de portadas de discos, de libros musicais e de carteis de festivai. Aos que vén de sumar a autoría do libro A culpa foi de Zënzar, grupo do que é baixista. Ademais destes traballos, Laura Romero debuxa en directo nos concertos de Pakolas. «É unha experiencia superinteresante porque combinar música e ilustración fai que ao público lle entre ao tempo información polos ollos e polos ouvidos».