
Reactívase o gaiteiro e reactívase en directo tamén «Branca vela», o disco máis transcendente da súa recente traxectoria
21 feb 2025 . Actualizado a las 11:28 h.Merece Branca vela unha segunda vida. Ou máis. Moito nos queda aínda por explorar dese fascinante disco. Budiño convídanos a facelo dende unha nova perspectiva persoal, musical e estética. Cun renovado e revitalizado directo no que o leit motiv central é un convite ao desfrute e ao baile.
—Por que nos convocas desta volta?
—Quedábame pendente facer a presentación de Branca vela na Capitol e convidar á xente que participou no disco, como Guadi Galego ou De Vacas, así como a un personaxe que admiro dende que teño uso de razón, como é Julián Hernández. Porque ademais cúmprense 25 anos de cando Siniestro Total me invitaron a tocar con eles Miña terra galega naquel mítico concerto en Castrelos.
—Volveredes facer ese tema ou cantará el algún tema teu?
—Imos facer Miña terra galega e igual hai algunha sorpresa máis.
—Cambiaches a posta en escena do concerto?
—Si, traballamos moito na sincronización da iluminación e do vídeo co son. E tamén renovamos o vestiario e toda a parte estética do espectáculo.
—Que cambiou en «Branca vela» nos seus dous anos de vida?
—Branca vela ten algo de volver aos meus inicios, a cando comecei tocando para os grupos de baile. Foi un disco que marcou un punto de inflexión importante no senso de que me devolveu as ganas de facer música para que a xente baile. Ía ser un disco moi persoal e converteuse no máis coral da miña carreira.
—E que cambiou en ti dende que saíu ese disco?
—Estou máis forte [ri]. Levo dez meses cun adestrador persoal e nótoo moitísimo. Recuperei enerxía. E iso tamén se traduce no xeito de como transmites enriba do escenario.
—Cumpriu «Branca vela» as expectativas ou agardabas máis deste disco?
—É complicada a resposta... Aprendín cos anos a ter sempre as expectativas moi baixas. E a facer, primeiro de nada, a música que me gusta a min. E iso si que o noto con este disco. Gústame tocar as cancións de Branca vela. E as cancións que recupero de discos anteriores fágoas co código de Branca vela. Iso para min xa é moito máis do que eu agardaba. Pensaba que ía ser un disco máis e, grazas a el, melodías doutros discos cobran unha nova vida.
—Quédache a espiña cravada de non ter entrado no circuíto de festivais?
—Por iso fago este concerto con espírito e cartel de festival (ri), para chamar a atención dos responsables dos festis. Eu estou convencido de que poderiamos entrar en calquera, con público transversal e con moita enerxía. Eu convido a todo o mundo a que veña á Capitol e despois falamos de se Branca vela podería estar nos festis ou non.
—No 2016 dicías que querías afastarte da figura do «frontman gaiteiro» que o inunda todo. Conseguíchelo?
—Tocar un instrumento tan visceral e que atrae tanto a mirada como a gaita pódete levar á idea dese frontman que ten que dalo todo no escenario. Pero cos anos vas descubrindo que o máis importante disto é compartir. O máis difícil é atopar xente como Fran Barcia, Andrés Boutureira, Inés Salvado e Tania Caamaño, que engranen ben no teu xeito de levar un espectáculo a un escenario e que o faga rodar como está sucedendo agora.
—Aquel mesmo ano dixéchesme: «Os rapaces que agora teñen 14 anos farán o relevo xeracional da música galega». Es un visionario.
—Dalgunha maneira estaba vendo o que eu vivín. Cando eu tiña 14 ou 15 anos vía os grupos e soñaba con ser o seu frontman. Cando tocas a fibra sensible é nesas idades. De repente, un simple concerto pódelle cambiar a vida a un rapaz e levalo a decidir que quere dedicarse á música.
—Cal foi o que cha cambiou a ti?
—Eu con 12 anos descubrín a Milladoiro e quedei prendado. Pero pouco despois estiven en Balaídos vendo aquel Rock & Ríos, con Leño, Luz Casal e Miguel Ríos e pasoume exactamente o mesmo. Creo que nese momento dixen: «Eu quero ser Milladoiro pero coa actitude de Miguel Ríos».
- Santiago Sala Capitol xoves 27, 21.00 18,70 euros