
A sensación de comunidade e unha intensidade emocional poucas veces vista impúxose incluso ao sobresaínte cartel do festival EmigraSon na diáspora
28 feb 2025 . Actualizado a las 22:06 h.«Galiza, capital Bruxelas» titularon unha canción Nen@s da Revolta alá polo ano 2000. E, mira ti, un cuarto de século despois, aquel título materializouse en realidade. A pasada fin de semana, a capital belga foi efectivamente a capital galega da música e das emocións. A causa desta translación xeográfica e sentimental non foi outra que a celebración da terceira edición do festival EmigraSon. Un evento que transcende con moito da súa sobresaínte proposta artística para se converter nun incontible aglutinador de afectos e un eficaz elemento de proxección da creación e das múltiples identidades que conviven na Galicia actual. Na que, por suposto, tamén hai que contar —e moito— con aquela que se expande máis alá do telón de grelos.
Detrás do EmigraSon están unha ducia de rapazas e rapaces galegos que rondan a trintena e que desenvolven a súa actividade profesional en Bruxelas. Emigrantes 2.0 que nada teñen que ver coa industria da música. O seu é voluntarismo ata a extenuación. Xenerosos, humildes e hospitalarios ata abraiar. Ilusionados e ilusionantes. Cun tan sincero como rotundo apego polo noso —chámese música, cultura, lingua ou tradicións— que deixa en evidencia ese certo conformismo co que o asumimos aqueles que convivimos con iso acotío.
En só tres anos o EmigraSon converteuse na gran festa da exaltación da galeguidade na diáspora, entendida a cabalo dos tempos. E de aí tamén o seu crecemento exponencial. Dunha sala para 200 persoas no 2023 pasou a unha para 400 no 2024, e de aí ás 1.200 que o sábado abarrotaron La Madeleine, a emblemática sala de concertos no corazón de Bruxelas.

Mil duascentas almas de trece nacionalidades sobrecollidas ante o que alí se lles ía amosando a cada paso. Incapaces de conter o vórtice de emocións que se xeraba en cada concerto. Un éxtase común en constante in crescendo ate o clímax final.
Un éxtase que non dependía só da incuestionable magnitude artística de quen subía ao escenario. Esa é a grandeza do EmigraSon. A ninguén se lle escapa que contar con Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, De Ninghures e o concerto de despedida de Terbutalina aseguraban unha xornada memorable. Pero é que no caso do EmigraSon, a predicible intensidade que un asume que semellante cartel debería propiciar, multiplícase por dez. Cada xesto, cada palabra, cada acorde, cada baile, cada sorriso, cada aperta, percíbense alí cunha paixón desmedida.
MOITA VERDADE
Non é para nada alleo a esta circunstancia o feito de que os artistas e a súas crews, os xornalistas, creadores de contidos, patrocinadores, convidados e, por suposto, os organizadores convivan durante catro intensos días na cidade. Desa fértil comuñón, desa reconfortante sensación de comunidade, xorden lazos emocionais que dalgún xeito teñen despois a súa proxección no escenario e, por extensión, no público. Había moita verdade o sábado na Madeleine. Tanta que había a quen non lle cabía no peito e brotaba incontible en bágoas desas que conmoven tanto que case doen de felicidade.
Tamén había moita verdade o venres en La Salle 1180, a sala que acolleu a foliada coa que se abría o EmigraSon. Que 500 persoas paguen unha entrada por asistir a unha foliada en Bruxelas demostra ata onde está a chegar a proxección da música galega. O grupo de gaiteiros e cantareiras Lume de Biqueira alporizaron a un persoal que fixo subir dez graos a temperatura do local. Tras eles, Duendeneta Dilleis encargáronse de amosar o poliédrico que está a ser este rexurdir da música en galego, con propostas que van do tecno ao hip hop, do pop ao tradi e todas as combinacións posibles que se poden xerar entre eles. Outros poucos graos máis sumáronse á festa por conta dos frenéticos bailes.

Abundando no plano artístico, teño visto en non poucas ocasións aos grupos que participaron o sábado no EmigraSon, pero nunca ou case nunca con semellante capacidade de transmisión. O que conseguiron De Ninghures ás cinco da tarde con 800 persoas xa na sala corrobora que estamos ante unha formación cun potencial e un teito imposibles de vaticinar. Verdadeiramente excitante a súa proposta e o seu xeito de revisitar a tradición. Fillas de Cassandra non fixeron senón corroborar que contan cun directo imbatible, cun mecanismo sonoro de milimétrica precisión ao que foron quen de dotar de sentimento. A simbiose perfecta. Tanxugueiras tamén cumpriron co guión se ben lle engadiron unha vontade de entrega e unha complicidade co público que, unido ao seu demoledor repertorio, posibilitou intres de delirio común. Unha auténtica apisoadora. Aínda así, as emocións máis intensas estaban por chegar. Pode facerte chorar un arrebatador concerto de punk rock sen concesións? Terbutalina demostraron que si. Debullaron sen piedade o seu repertorio ata que a emoción lles puido no treito final. E, claro, a cousa contaxiouse. Despediron Terbutalina 15 anos de traxectoria mentres soaba en Bruxelas o Sementeira de Fuxan os Ventos. Ben sementado quedou, dende logo. O público entoou entón de xeito espontáneo O Miudiño ao tempo que os organizadores recibían dende o escenario unha mínima recompensa á súa colosal labor e esforzo en forma de atronador aplauso.
Galicia tivo, efectivamente, a súa capital en Bruxelas. E pode que sexa a distancia, pode que sexan os reencontros, pode que sexa a morriña ou pode que sexa ese apego que aínda de vez en cando sentimos polo noso, o caso é que o Emigrason consagrouse como unha gran e inescusable referencia da galeguidade. A dous mil quilómetros? Ninguén o diría. Cantas veces estando aquí, síntome máis lonxe.