
En «Trankimasín» a banda retorna ás súas orixes en canto a temáticas (moito humor, festa, sexo...), ao tempo que, sen abandonar o rock visceral, deixa entrever novas sonoridades
28 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Volven Heredeiros da Crus logo dun ano de barbeito. E volven en estado puro. Se alguén pensaba que despois de 30 anos a besta ía calmar, hai ten o seu novo disco, Trankimasín, para corroborar que diso nada. Máis ben ao contrario. Por momentos, a banda reconecta con aquelas letras de humor salvaxe dos seus primeiros discos. E reconecta tamén con aquelas arrebatadoras descargas sónicas de rock inmediato de vella escola (Jefe indio, Convensido, Trankimasín...). Pero ao tempo ábrense a sonoridades nada comúns no seu menú musical, como os achegamentos ao rockabilly en Covid-19 e Podo voar ou mesmo as chiscadelas ao ska cun Hammond omnipresente en Ven conmijo. A ocasión ben merecía un encontro e unha conversa con Tucho Novo, guitarrista e compositor da maioría dos temas de Heredeiros da Crus, e Manu Rey, batería do grupo.
—Que quixestes facer con este disco?
Tucho. Un disco novo [rin]. Un disco de Heredeiros, como os outros.
—Eu teño a sensación de que este non é un disco máis.
Manu. Si, é certo que tanto na música, pero sobre todo nas letras hai unha evolución respecto ao anterior. Retornamos un pouco ás temáticas clásicas de Heredeiros. Pero é que nós cando facemos os temas non pensamos a quen lle imos cantar ou que imos dicir. Saen así e xa está. De feito, penso que os temas mellores, como Trankimasín, son os que fixemos en dous minutos.
—Un tema, por certo, moi ramoniano.
T. Absolutamente. E é curioso, esa canción comecei a escribila ao piano. Saíume unha melodía preciosa pero non tiña letra. E niso que me din as miñas fillas e a milla muller: «Imos tomar algo por Santiago». Collín un bolígrafo e un par de folios e dende a miña casa ata o centro fun anotando o que se me ocorría. Así foi construído.
—As letras volven ser moi «cañeiras».
M. Si, nós non nos cortamos, nin pensamos se lle vai parecer ben ou mal a fulanito.
—Non sei que dirán de «De-Nunzia-nos»...
M. Pois ese tema capámolo. Antes tiña unhas frases moitísimo máis salvaxes. Autocensurámolo nós mesmos. Pero se é por Nunzia [Giannotta, a cantante que colabora na canción], cantabámolo tal cal.
—O sexo explícito daqueles primeiros discos volve estar moi presente neste.
T. A nosa mente perversa é a onde nos leva. Nada máis levantarnos, xa pensamos en sexo. Agora estou pensando en sexo (rin). Heredeiros somos unha panda de tolos.
—«Tempos modernos, tanta tontería», cantades nun dos temas. Sentídesvos raros ou estraños neles?
T. Si. Nós somos dos que cremos que nos 80 eramos máis liberais que agora. Estes son uns tempos moi hipócritas. Agora hai que medilo todo, hai que ter coidado con todo. E a nós, xa che digo, sópranola. Se a alguén lle parece mal algo, que enfastíe e punto. Somos punkarras sen ser punkarras.
— E como vos sentides no contexto actual da escena musical galega?
M. Sentímonos uns privilexiados. Parécenos incrible que aínda poidamos estar xirando e facendo discos que funcionen desta forma.
T. A pesar de que son os tempos do reguetón, Heredeiros persiste e estamos aí arriba. E seguindo sendo Heredeiros.
—Nestes últimos anos, ademais do reguetón, en España están acadando bastante éxito novos grupos de guitarras.
M. O rock and roll vai volver porque na música todo é cíclico.
T. Hai 30 anos os vellos escoitaban pachanga e a rapazada rock and roll. E hoxe a rapazada escoita pachanga e os vellos rock. Así que dentro de 15 ou 20 anos serán xa vellos os que escoiten a pachanga e os rapaces, que son os meniños de agora, escoitarán de novo rock and roll.
—Vedes herdeiros de Heredeiros?
T. Agora mesmo eu non vexo a ninguén. Si que houbo moitos grupos que nos copiaron, pero iso nunca funciona. Se vas copiar, copia dos máis grandes, copia dos Rolling.
—Quédavos a espiña cravada de non ter vivido ao 100% de Heredeiros?
M. Aínda que cando saímos fóra petámolo, a nivel estatal o idioma foi un hándicap. Se toda España falase galego, Heredeiros da Crus iriamos en limusina a ensaiar [rin].
T. De feito, chegamos a ter unha oferta de Sony, pero impoñíannos cantar en castelán. E nós non temos nada en contra do castelán. Cantos máis idiomas saibas, mellor. Non somos deses repunantes de que só hai que falar galego. Non, ti, mentres nos entendamos, fala o que queiras. O que pasa é que nós non sabemos compoñer en castelán. Os nosos temas, se os traduces, perden forza e graza. De todos os xeitos, non nos queixamos. Temos un caché elevado e cobramos unha pasta importante. Pero si, sempre tivemos que compaxinalo con outro traballo. A ver, igual agora non o necesitariamos compaxinar, pero é que isto non vai durar toda a vida. Por iso cada un temos que ter algo paralelo a Heredeiros. Porque se falla isto, que imos facer, meternos nunha orquestra? Non, tío.
—Dedicádeslle una canción a Xapón. Por que?
T. Non sei. Véuseme á cabeza Xapón nese momento e fixen unha canción para as geishas dun galego que vai triunfar alá. Oxalá nos leven a nós a tocar a Xapón.
—E outra ao Covid-19.
T. Esa é verídica totalmente. Iso pasoume a min. En plena pandemia chamáronme para unha substitución no Sergas. En neumoloxía, ademais. E díxenlles que estaba acojonado, que non quería morrer e que non ía. E para que non me quitaran da lista aleguei que tiña dúas fillas pequenas que criar. E iso é o que conta a canción.
—Neste disco achegádesvos ao rockabilly. Non é moi frecuente en Heredeiros.
T. Máis que rockabilly é un pouco un rollo tipo spaghetti western. Unha cousa rara. Eu fago as cancións en acústico no piano ou coa guitarra, despois chego ao ensaio e cántoas, e aí é cando entre todos decidimos por que camiño musical levalas.
—Cal é o «ghit» deste disco?
T. A min a que máis me gusta é Capitán. Pero a preferida de Fran [Velo] é Podo voar.
M. A min Sofá de sky paréceme que ten un punto irónico e de enerxía que é moi de Heredeiros de toda a vida.
T. Nos nosos discos non hai palla. Todas as cancións din algo e todos os temas están ben. Se a nós non nos gusta un tema, sabemos que tampouco lle vai gustar á xente, así que xa non vai.