Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O escándalo da beleza incesante

Diego Ameixeiras

FUGAS

CARLOS CORTÉS

07 mar 2025 . Actualizado a las 21:54 h.

A arte de quitar importancia. O propósito de manter a festa, a intención de non catalogar, o instinto de poñerse á sombra. O triunfo da distancia curta. A derrota da indiferenza, o obxectivo de cambiar. A intensidade da protesta, o sacrificio de ceder, a disciplina de observar. O alcance da saúde. O traballo de entender, a ausencia de pretensións, o talento de pasar páxina, o beneficio da dúbida. A vontade de reaccionar. O risco de precipitarse. A obriga de coller aire, a tensión da véspera, o plan de choque. O oficio de dar explicacións, a virtude de preguntar. Esta análise de Xohana Torres: «Vagas que por dentro nos baten, / os fachos que nos cruzan, / os signos que nos poden». A promesa de construír, o valor de arrepentirse. O deber de importunar. O imperativo da delicadeza. A urxencia de agardar sentado, o impulso de dicir unhas palabras, a ocasión de revisarse, o mecanismo de defenderse. A realidade dos feitos, o delirio de continuar. O problema de agocharse. A oportunidade de disentir, a valentía de fraquear. A presión de correr, a tentación de abandonar, a elegancia de ir por libre, a humanidade de ser torpe. O mérito de deixar unha porta aberta, o empeño de escribir, a práctica de insinuar. O desafío de unir, o costume de retirarse. A disposición de aprender, a incomodidade de sospeitar. A tarefa de erguerse, a prudencia de desaparecer, a angustia de anticipar. A lóxica de repetir, a capacidade de conformarse. A precisión de Avilés de Taramancos: «Este brado de terra, esta atadura, / esta diaria e fonda coitelada / que escaravella na raíz máis pura». O exercicio de tranquilizarse, a oferta de saltar, a época de resistir. O espírito de contradición, a aparición de última hora. A insistencia de imaxinar, a calamidade do esquecemento. O privilexio de esvaecerse. A fortuna de ir tirando, o hábito da anomalía, a posibilidade de non quedar calado. O vicio de sorprenderse, a nobreza de arder. O inferno da incerteza, o desexo de probar, o defecto de compararse. O pracer da desorientación. A vantaxe de suspirar, a manía de saber, a violencia de despedirse. O bálsamo da intranscendencia, o pecado de permanecer. A esixencia de dubidar, a habilidade de saír. A intuición de salvarse, a dignidade de caer. O costume de pasear. O extremo de vivir. Isto de Juan Gelman: «El duro olvido general / las pérdidas de guerra / el escándalo de la belleza incesante».