
Leo un titular arrepiante, un adianto da apocalipse: «O mundo queda sen bolboretas». Non é un asunto novo. O biólogo Joseph H. Reichholf leva medio século investigando a súa decadencia. Disque as causas son múltiples: o mal uso dos pesticidas, a extensión dos monocultivos, o abandono do campo, o cambio climático. A senda do cataclismo xeral polo que discorremos.
Joseph Brodsky, o poeta rusoestadounidense, presumía de ser un fino observador destes insectos. Prestáballe admirar o seu voo nervioso entre as flores, rebulindo polas pradarías, e preguntábase nun coñecido poema pola ourivaría misteriosa dos seus deseños: «Porque se che entregaron marabillosas formas / e cores / para vivir o teu único día / nesta terra de lagoas?».
As bolboretas efémeras emerxen dos ríos no solpor e teñen unhas poucas horas para voar, reproducirse e morrer. Que triunfo evolutivo, que dilixencia angustiosa. Esa existencia tan breve, apenas unha fulguración, lémbranos o carácter transitorio da vida ao que sempre lle seguirán cantando os poetas. Dicía Brodsky que a métrica e a rima son xeitos de reestruturar o tempo. A min paréceme que as bolboretas tamén se encargan diso. O tránsito acelerado das efémeras, con esa vida salvaxe de menos dun día, viría sendo unha reorganización bastante punk do asunto. O voo de dous ou tres meses que emprenden as monarcas dende o norte dos EE.??UU. ata o bosques de México, guiadas polo sol, implicaría tamén outro tipo de recomposición, pero esta máis sinfónica e paciente. Hai dúbidas sobre a continuidade destas valentes travesías. De non poñerse en marcha un plan específico para protexer a especie, os expertos confían pouco no seu futuro.
Trump enreda coa idea dunha nova guerra mundial. Europa camiña cara ao maior rearmamento da súa historia. O delirio belicista avanza mentres as bolboretas, en resposta, están deixando de bater as ás. Lin tamén estes días que os taoístas identificaban a virtude da transparencia naqueles que sabían escoitar a voz avisadora dos insectos. Non semella o noso caso. Podo imaxinar agora as efémeras apresurando con rabia o seu pogo das ribeiras e as monarcas sosténdose no aire, elegantes e apracibles, para demorar o contacto cos seus implacables verdugos na terra. Todas fuxindo da opacidade moral en curso. Espantadas por esta xeopolítica tan túrbida, deixándonos sós coa miseria sen luz deste tempo desestruturado ata a náusea.