Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Cantareiras antes do Spotify

FUGAS

Basilisa Sotelo y Margarita Fernández, cantareiras de Santa Baia de Montes.
Basilisa Sotelo y Margarita Fernández, cantareiras de Santa Baia de Montes. Cedida

Era un mundo sen Spotify, pero as avoas contaban cun repertorio musical igual de inesgotable. Penso nelas este ano en que as Letras Galegas están dedicadas á poesía popular oral e nesta semana que celebramos o Día da Narración Oral

20 mar 2025 . Actualizado a las 18:11 h.

Nas miñas primeiras lembranzas están as avoas cantaruxando mentres facían labores da casa ou do campo, tamén cantaban cando me arrolaban no colo ou naquelas celebracións onde as cunchas, unha botella ou a propia mesa de xantar servían de instrumentos improvisados. Era un mundo sen Spotify, pero as avoas contaban cun repertorio musical igual de inesgotable. Penso nelas este ano en que as Letras Galegas están dedicadas á poesía popular oral e nesta semana que celebramos o Día da Narración Oral. Xa o padre Sarmiento puxo en valor este tesouro literario e, a seguir, estudosos como Ballesteros, Casto Sampedro, Said Armesto ou Xaquín Lorenzo. Todos eles recolleron cantigas, músicas e puxeron en valor o noso patrimonio inmaterial. A finais dos anos 70 a musicóloga suíza Dorothé Schubarth percorreu Galicia para compilar e transcribir, xunto ao filólogo Antón Santamarina, preto de dúas mil melodías e textos que se publicaron en dez tomos baixo o título: Cancioneiro popular galego, sen dúbida a catedral da nosa música popular. Recentemente, Rubén Troitiño deu a coñecer o proxecto en rede Músicas da Terra de Montes, e hoxe mesmo Xabier Díaz presenta o Cancioneiro galego serodio, máis de seiscentas coplas gravadas ao longo de dúas décadas. Con anterioridade contribuíron a ese labor de recollida persoas tan significativas coma Mercedes Peón e tamén os coros ou as asociacións culturais.

Dorothé Schubarth, rexistrando as cántigas de dúas veciñas de Mens, en Malpica.
Dorothé Schubarth, rexistrando as cántigas de dúas veciñas de Mens, en Malpica. Museo do Pobo Galego

Cantadoras, tocadoras e bailadoras, as mulleres eran as protagonistas das foliadas, das fías ou das segas. Certo é que había homes, pero a súa figura a través do gaiteiro sempre foi máis visible, con nomes propios que non tiñan as pandeireteiras. Co tempo, os espazos tradicionais esvaéronse, mais creáronse escolas de música e baile tradicionais: Fiadeiro, Cantigas e Agarimos, Donaire, Xacarandaina...

Con só tres anos a miña filla entoa varias estrofas de cantigas populares e dálle un xeito á súa pandeireta grazas a unha pequena asociación rural, Os Trazantes de Tenorio, que leva corenta anos creando canteira. A forma de transmisión mudou, pero tamén que ela medrará con referentes femininas que pisan escenarios importantes, escoitará a Tanxugueiras, ao dúo Caamaño&Ameixeiras ou a Fillas de Cassandra, que souberon beber da música de raíz, manter a súa idiosincrasia e, ao tempo, abrazar novos sons e crear novas letras coas que transitar o agora. Como cantan María Soa e Sara Faro: «A miña tataravoa estaría contenta se me (nos) escoita cantar».