Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Os pais de Jamie Miller

Diego Ameixeiras

FUGAS

Una escena de la serie «Adolescencia»
Una escena de la serie «Adolescencia» Netflix

28 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Resulta que vin Adolescencia, a celebrada serie de Netflix, e agora non me atrevo a acender a televisión. Teño medo de que ao premer o mando a distancia sigan aí dentro os pais de Jamie, no derradeiro capítulo, preguntándose que fixeron mal para criaren un fillo capaz de matar unha compañeira de clase, empurrado polos delirios das redes misóxinas e antifeministas que proliferan en Internet. Hai unha morea de momentos na historia cunha potencia dramática asoballante, moi perturbadora, non sempre doados de dixerir polo seu extraordinario verismo. Estase a escribir arreo estes días sobre a incomodidade que producen algunhas desas situacións, tan cargadas de verdade que o espectador semella ser transportado ao corazón dunhas vidas espidas, sen o disfrace da representación. Pero ningunha, paréceme a min, coma eses últimos minutos onde as bágoas dunha parella —os milagrosos Christine Tremarco e Stephen Graham— se desatan coa potencia del mil ríos desbordados. Uns pais estaban asistindo ao nacemento dun asasino de só trece anos, nun cuarto da súa casa, e non o sabían. Parte da ficción criminal contemporánea de éxito abusa con frecuencia dos clixés sanguíneos.

O resultado adoita ser unha espectacularización intencionada do perverso, a procura sen freos do morbo, o sensacionalismo emocional, a ausencia de socioloxía profunda, o asasinato como pornografía. Pero nada produce máis desasosego que a brutalidade subterránea, a violencia enxendrada en silencio, a mecánica reconcentrada do crime que se destila sen que o amor a familia poida percibir a súa inminencia. Hai novelas, películas, series que se nos cravan moi dentro unha vez que caemos nos seus brazos, que permanecen aloxadas en nós durante días —quizais unha vida enteira— sen que sexamos quen de sacalas da cabeza. Se falo por min, Adolescencia pertence a esa categoría. Por iso estou agora sentado diante da televisión e non me decido a prendela. Miro a pantalla en negro e aínda sinto un calafrío. Sigo crendo que os pais de Jamie permanecen aí, rotos pola dor, mordendo os puños detrás desa cortina, cos ollos asolagados polas bágoas, interpelándome coa pregunta para a que non teñen resposta. Impotentes e culpables, sen entender nada. Devastados, humanos, maltreitos. Chegando á conclusión máis sombría. Obrigados a pensar que a forza do amor, en contra do que nos ensinou o poeta, ás veces pode ser inútil.