
Non se me ocorre outra síntese que sirva para definir esta novela como a de que grazas a ela transitamos pola constelación de luces que iluminan o abraio pola natureza e pola vida, pase o que pase: unha ollada pola condición humana e os seus interrogantes e, ao mesmo tempo, polos espazos naturais que nos rodean, engadiría que aínda por sorte. Convidarnos a percorrer ese ronsel, no que segue a existir un territorio para sorpresa e para que atopemos o insospeitado, sexa talvez a alma que latexa en A noite das cebolas, de Rosa Aneiros: finalista dos premios Follas Novas do Libro Galego na modalidade de narrativa.
Aneiros retorna —se que é algunha vez o abandonou no seu relevante corpus narrativo— ao universo do mar sobre o que en tantas ocasións, esta incluída, nos regala páxinas moi brillantes. É o seu mar algo máis que un pano de fondo; antes ben, deseña un ser vivo que brúa arredor dun faro, constituíndo a atmosfera que rodea as vivencias dun personaxe de fondo calado como é Abril Andrade, mais como o son tamén o tío Bastián ou Lisco. Nas luzadas dese faro reflíctense tanto aquelas experiencias que pintaron a súa infancia como as que o fan cando, por unha doenza irreversible, decide converterse nunha evocación e habitar aquel lugar. Un mar, con todo, que non é quen de facernos esquecer todo o que a terra deu ou aínda dá.
A novela, que inclúe un «breve tratado para o cultivo das cebolas» no que se conxuga unha mestura de experiencia vital e memoria, é quen de trasladarnos, nunha prosa suxestiva, a un mosaico composto por centos de teselas que, ás veces, constrúen preguntas e que, cando cómpre, se responden ou serven para explicar, por exemplo, o feitizo que exerce na protagonista A noite estrelada, de Van Gogh, depositado no MoMA de Nova York.
Aneiros consegue que nos introduzamos nun mundo no que conviven o abatemento coas derrotas mais tamén coas esperanzas. Estas páxinas desprenden un inequívoco recendo a optimismo, facéndonos reparar naqueles pequenos xestos ou detalles que a vida nos agasalla e cómpre valorar na xusta medida.