
Non é frecuente que rece un imperativo nun título dunha obra literaria e aínda menos talvez se apele a un personaxe que é unha das narradoras máis coñecidas de todos os tempos. Dun ou doutro xeito verbo e antropónimo sintetizan con acerto unha das orientacións da novela que remite a como a cerna do saber, tamén da resistencia, repousa no relato e na palabra.
Ler unha peza literaria de Suso de Toro, sexa esta cal for, é de seu e para min unha garantía de calidade. Tras unha das novelas máis relevantes entre as publicadas nos últimos anos como foi Un señor elegante (2020), Conta, Sherezade intérnanos, co ritmo propio dunha investigación, no necesario coñecemento do noso pasado máis inmediato, isto é, neses hiatos que se xeraron nas memorias familiares onde todo o que ten que ver coa guerra civil se esvaece.
Agora ben, alén de xiros pouco previsibles, talvez a estrutura que domina esta peza sexa o novidoso na traxectoria do autor ao deseñar unha proposta na que Luz, unha docente, comeza a escribir a historia da súa familia e decide enviarlle os seus textos literarios a quen foi o seu profesor nun obradoiro de creación literaria para que os valore. Esa dinámica, malia que este último estea case sempre ausente, é a que posibilita asistirmos a un xogo de espellos, isto é, permite calibrar e escudriñar como medra ou pode medrar unha novela desde as brétemas que se apropiaran da memoria do avó de Luz e o que ocorreu con el na guerra civil, sen esquecer mesmo a vivencia do golpe de estado de 1981. Facilita tamén irmos enchendo de sentido os baleiros e os silencios que pairan na contorna familiar da protagonista que, ao cabo, definen a súa identidade nun momento en que a súa vida está inzada de dúbidas e incertezas.
Luz, nunha conversa transcendental coa súa nai na que persegue obter respostas respecto das súas orixes e diante da incomodidade desta no momento de falar dos temas familiares e da memoria, realiza unha asociación co personaxe de Barbazul, isto é, co feito de que non se podían abrir as portas pechadas ou morrías. Contra os medos simbolizados en Barbazul érguese, dalgún xeito, esta novela: un espello da fame por saber. Gustoume que así fose.