O Arousa mide o seu estado de graza cun Boiro en crise

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

FUTBOL GALLEGO

O fútbol arousán vive hoxe o seu segundo derbi en Tercera RFEF en oito días
O fútbol arousán vive hoxe o seu segundo derbi en Tercera RFEF en oito días MARTINA MISER

A quinta vitoria consecutiva está hoxe ao alcance dos de Míchel Alonso. Os xuvenís de Perú visitan a RS Gimnástica nun duelo entre necesitados

24 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A décimo segunda xornada de Liga da Tercera RFEF ofrece esta tarde no estadio municipal da Lomba (18 horas) o derbi da ría. Un Arousa-Boiro de contrastes, co conxunto local aspirando a seguir acumulando números que o convertan se non na mellor versión na historia do club, en non menos ca o vindeiro campión do grupo galego da categoría, logo de cambiar a marcha e deixar atrás tres derrotas consecutivas con sete vitorias e un empate. O cadro de Barbanza, pola contra, precisa dun triunfo como auga de maio, sumido nunha profunda crise tras catro derrotas consecutivas coroadas a semana pasada cunha vergoñenta goleada en Barraña, 1-6, ante un Atlético Arteixo en zona de descenso.

Os números ata o momento sitúan o Arousa terceiro na clasificación con 22 puntos, a só 2 do liderado, mentres que o Boiro aparece cuarto pola cola da táboa con 9 e un único punto sobre a zona de descenso. Con todo, o adestrador do conxunto arlequinado, Míchel Alonso, advertiu onte da necesidade de non confiarse o máis mínimo ante a visita do Boiro: «Tenemos que estar alerta, creo que sus últimos resultados nos pueden llevar a equivocación con este equipo».

E é que o técnico arousista salienta que o rival do outro lado da ría «tiene dominio con balón, con futbolistas de mediocampo con capacidad para darle continuidad al juego, como Álex Rey, y arriba, hombres como Dani Pedrosa o Sylla importantes en la categoría que transitan bien», xerando deste xeito moito perigo.

O Arousa chega con todos os seus efectivos dispoñibles. Ata Felipe Peredo se atopa xa na rampla de regreso da súa lesión, logo de adestrar esta semana «casi con toda normalidad», sinalou o seu adestrador.

As fortes choivas previstas para mañá son outro elemento barallado por Míchel Alonso. Sobre o estado do céspede da Lomba, di que «es de las mejores semanas en las que estoy viendo el campo», pero consciente de que a auga das vindeiras horas «puede embarrar el terreno de juego y hay que tenerlo presente» de cara a evolución do plan de partido ante o Boiro.

Ante a posibilidade de ser a primeira versión do Arousa en encadear cinco triunfos en Liga tras a que conseguira o ascenso á xa extinta Segunda B ao termo da campaña 1992/93, o preparador ferrolán sinalou onte: «Cuanto más ganas más cerca estás de perder. Nuestra pelea está en alargar esto el máximo número de partidos».

A directiva elixiu o derbi da ría como medio día do club, polo que os socios do Arousa deberán aboar 5 euros para poder sentarse nas gradas da Lomba.

Visita dos xuvenís a Torrelavega

Pola súa banda, o Arousa de División Honor Juvenil visita esta mañá (12 horas) a RS Gimnástica de Torrelavega. Un duelo crucial, por tratarse de dous rivais directos na loita pola permanencia. Seijo, David Piñeiro e Almon son baixa nas filas de Perú.