
José Manuel Núñez Torre está agora ao cargo da empresa familiar, que fixo do selo galego e do mantemento das receitas de antano o seu sinal de identidade, dentro e fóra das nosas fronteiras. Iso sen deixar de lado a aposta pola innovación, unha liña de traballo pola que xa recibiron varios premios.
-Que fai especial a un xamón ou embutido de Torre de Núñez?
-Traballamos toda a produción coa raza Duroc, só con carnes nobres, e reducimos o sal; os nosos xamóns teñen un 25 % menos de sal que os que están actualmente no mercado de xamón serrano, e a raza Duroc apórtalle máis infiltración de graxa, a medio camiño entre o porco branco e o ibérico. O secado, ademais, é sempre superior aos 14 meses. Ademais, non engadimos aditivos.
-Pero o seu catálogo de produtos vai máis aló dos xamóns e dos chourizos.
-Contamos cun catálogo adaptado segundo os mercados (xamóns, chourizos, salchichóns, androllas, butelos, lombos, lacóns, bacon, zorza, salchichas de diferentes clases…). E toda a nosa gama de produtos é sen glute, sen lactosa e con menos sal engadida. Así que son alimentos máis saudables, seguindo o noso lema ‘con sabor e con saber’.
-Cales son os produtos que máis venden?
-O 50 % das nosas vendas son de xamóns. Pero toda a produción rexional ten moi boa saída. Segundo a consultora Nielsen, somos líderes en xamóns, chourizos, lombos e pancetas. Adaptándonos ás novas necesidades do consumidor, tamén lanzamos novos formatos, como os loncheados.