A literatura permítelle vivir outras vidas; no tempo das computadoras, escribe a man; e sempre ten a cabeza ocupada
14 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Nunca hai tempo dabondo para poñer por escrito todo o que a un lle pasa pola cabeza. Atopar ese tempo é unha das loitas de Rosa Aneiros Díaz (Taraza-Meirás, Valdoviño, 1976), creadora de historias. -Dixo que escribir é a inexplicable necesidade de contar. Explique... -Comecei a escribir cando aprendín as letras. Pero o que me vén de escritora non é tanto polas palabras escritas como pola necesidade de contar. O meu padriño estivo en Cuba e nunca volveu de todo, sempre contaba as historias de alí. De estar con el e de como contaba esas historias, quedoume esa necesidade. E eu de pequena sempre era moi argalleira, gustábame inventar historias. Pero mentireira non fun moito... -¡Antoñita la Fantástica! -Si, revella, era moi revella. O meu pai era socio do club de fútbol Meirás e eu pasaba media vida no campo. Aínda hoxe os xogadores que me atopan me din: ¡Vaia cabra eras! Era un terremoto, pero non tiña malicia. Facía cousas como poñerme a tourear coches . -¿Sería hiperactividade? -Era traste, moi fedello. -¿E non sería desas que levaban un diario? -Non. De contar a miña vida e así non, son máis de inventar historias. Aínda que, aparentemente, son moi extravertida, hai unha parte da miña vida que é para min. Non sería capaz de facer un blog, por exemplo, unha cousa é que lle conte algo persoal ás miñas amigas, ao mozo ou aos irmáns; pero outra cousa é contarllo a todo o mundo. -Hai quen pensa que moitos escritores son bastante exhibicionistas... -Pode ser. Pero procuro borrar todas as pegadas da miña vida das novelas, das historias. Non elimino os espazos ou o mar, que para min é moi importante. Si é certo que a xente di logo que atopa cousas, pero das que non son consciente, non me resulta nada cómodo. -No último libro de Luísa Castro, por exemplo, hai quen ve moito da vida da autora, aínda que ela diga que tal... -Eu procuro buscar historias completamente distintas. Gústame vivir outras vidas; a miña xa a vivo eu. O máis fascinante da literatura é o esforzo que che supón meterte na pel doutra persoa, ter que pensar como outra persoa. -Debutou na literatura no ano 1999 con «Eu de maior quero ser». Xa choveu... -Ás veces, cando o releo, teño a sensación de que non o escribín eu, xa me vexo moi afastada diso. -¿E Rosa que quería ser? -De nena quería ser... ¡pensionista! Cando vía ao meu padriño, que era pensionista, que se pasaba todas as tardes comigo, sentado na banqueta, ía cobrar ao banco, que contaba historias... parecíame que era feliz, que era a mellor maneira de vivir. Despois deume pola socioloxía, pero logo xa tirei para o xornalismo. -Fala vostede seguido ¿tamén fala mentres dorme? -Non. Durmo moitísimo, é a única maneira de que consiga descansar a cabeza. Sempre teño cousas ás que darlle voltas. Gústame moito cando non soño nada. -¿Que ten o mar que tanto lle obsesiona? Dixo que o mar da Coruña é políglota... -É un universo simbólico que contén moitos significados. O do mar da Coruña ía porque de aí saíron e chegaron moitos emigrantes, é un mar que fala moitas linguas. Pero eu son filla, neta, bisneta e tataraneta de percebeiros, e hai cousas das que é imposible escapar. Pero non teño unha imaxe idílica do mar, teño moi presente a parte máis dura, a do traballo, a das desaparicións, unha parte que, normalmente, non se lle atribúe tanto ás mulleres. A miña tía avoa, que morreu hai pouco, dicía que o mar é a riqueza, o que nos salvou de morrer de fame. Eu sigo sendo herdeira diso. -¿Dóenlle as críticas ao seu traballo? -Algunhas veces, aínda que non como ao principio. Pero o que me fascina é o contacto cos lectores a través do correo electrónico. Antes, os lectores non te chamaban por teléfono ou che mandaban unha carta a casa. Agora están detrás dun correo electrónico e aí si que hai sinceridade. Unha rapaza mandoume catro follas contándome como o meu libro Veu visitarme o mar era a súa vida. -¿Cando escribe foxe do mundo? ¿Desconecta? -¡Que va! Escribín Resistencia vendo na tele a Ana Rosa Quintana.