É un dos rostros máis populares de Galicia; e cre que a ironía e a diversión teñen que estar por riba do momento político
11 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Como o Dorian Gray de Oscar Wilde, parece que fixera un pacto co demo para que o tempo non pase por el. Antonio Durán Moreiras (Teis-Vigo, 1959) é máis ca un tipo divertido. -Teño unha ficha súa que o pon do máis proporcionado, sesenta quilos, un sesenta e cinco... -Un sesenta e cinco ¡calzado! Os da Asociación de Actores poñen iso, pero non poñen o meu nome completo: Antonio Segundo. -¿Por un avó? -Pois non, por un tío meu que fusilaron os de Falange no 36, era secretario no Concello de Guadalaxara. -¿Quedoulle o espírito republicano? -Son de esquerdas, a monarquía non me gusta. Pero tampouco son un republicano de bandeira. Por desgraza, fun criado co rollo de Franco. -Hai quen pensa que o de Morris ven pola comparación co Mini Morris, un coche pequeno... -Vén dos tempos do colexio Labor. Os compañeiros comezaron a chamarme capitán Morgan, Morgan, de Morgan saíu Morris... Na época da militancia política, así quedou. -Sempre vai ben un nome de batalla para a ficha policial... -O que non é é un nome artístico, non me gusta iso do nome artístico, é unha cousa ligada á miña infancia. -Outro vigués de raíces en Ourense.. -A miña familia é dos Peares, un sitio precioso onde se xuntan o Miño, o Bubal e o Sil. É curioso o dos vigueses; agora comeza a haber xeracións de vigueses. O desarraigo que existiu moito nesta cidade coa súa xente débese a que non había xeracións de aquí, nin tan sequera tivemos alcaldes de Vigo. -Vigo ten boa industria pero ¿ofrece traballo para un actor? -É un sitio duro, eu traballo moi pouco aquí. Teño un piso alugado en Santiago e non o vou deixar. Na Coruña hai máis traballo para un actor que aquí, en Vigo traballan moito os músicos. -¿Como vén o verán? -Tranquilo, teño algún proxecto de televisión aínda sen pechar, unha película con Ángel de la Cruz para setembro. Estiven o mes pasado en Madrid e pasoume algo curioso: estaba nunha serie, Tirando a dar, facendo de irmán de Fernando Guillén, e comezaba a saír no capítulo cinco, pero o retiraron por pouca audiencia no dous, así que nada. -¿Os «Pratos combinados» morreron para sempre? -Si, foron once anos, o que pasa é que se repetiron un mogollón. Hai unha cousa que me senta mal da TVG, que non traten as cousas de aquí cunha certa elegancia. Se remata Pratos, remata, dálle un final. O día que acabou, Miro Pereira dicía: «¡Grazas por todo!» e, de súpeto, comezaba outro repetido. -Manquiña e vostede son inseparables, como Filemón e Mortadelo... -Igual facemos algo potente entre os dous, hai algún proxecto. Manqui máis eu pasamos xa esa barreira dos anos e seremos colegas de por vida, e iso que traballei máis con Ernesto Chao. -¿Cambiaron Galicia e a TVG co cambio de Goberno? -Están cambiando. Pero eu, mentalmente, xa me sitúo na oposición, son un tío de oposición. O que quero agora é esixirlles a estes. -¿Non lle ofreceron un despacho? -Non, non fun a vivir a Santiago na época na que había que ir. Pero o cambio polo cambio non me gusta, prefiro o cambio con resultados e, algunhas cousas, si que se están a facer. O risco que corremos é poñernos todos demasiado serios, co país, coa normalización, co Estatuto... Que o faga quen o teña que facer, pero parece que agora todos tiveramos que militar. Eu son un tío que considera que a diversión e a ironía teñen que estar por riba do momento político. E teño tantos datos para ironizar sobre Quintana e Touriño como sobre Fraga. ¡E os teño! E nos podemos descojonar da risa con todas as formacións. -Cónteme iso de que caeu cun globo no medio da ría de Vigo... -Foi con Manqui e con Alfonso Lubián. Faciamos de Reis Magos, eu era o negro e tiñamos que chegar ao Náutico de Vigo en globo. Pegaba un vento de carallo e, ao final, atáronlle un cable inmenso ao Remolcanosa e caemos tres veces á auga. Acabamos secando os traxes de Reis Magos en calzóns na sala de máquinas.