O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, cualificou onte de «incidente lamentable» o protagonizado recentemente polo secretario xeral de Relacións Institucionais, Antón Losada, con funcionarios policiais do servizo de seguridade no complexo administrativo de San Caetano, e chamou ao alto cargo do departamento que dirixe Anxo Quintana ao «cumprimento das normas». Touriño fixo estas declaracións tras finalizar o Consello da Xunta, ao ser interrogado sobre a petición de intervención formulada polos sindicatos policiais, que criticaron o comportamento de Losada. «Son feitos que nunca se deben producir e espero que non se produzan, porque as normas están para ser cumpridas e respectadas por todos». «Verán sempre por parte da Xunta unha reiteración do cumprimento da norma, porque é o que nos dá confianza», puntualizou o presidente da Xunta.