«O Gaiás pode acabar nun cemiterio de cartos para a cultura de fóra»

GALICIA

O ex deputado será reelixido mañá líder da UPG nun momento no que pensa ?que ser galego en Galicia «é tan difícil como exercer de negro nos Estados Unidos»

15 nov 2008 . Actualizado a las 02:03 h.

É persoa de poucas alforxas, de gusto franciscano e de verbo claro. Francisco Rodríguez, de 63 anos, será reelixido mañá secretario xeral no 12.º Congreso da UPG, a forza matriz do Bloque, nun momento no que esta organización ensaia respostas á situación de crise.

-¿Como recordaremos dentro duns anos este congreso?

-Seguramente como a aposta por unha interpretación da realidade que agora ten que ser máis activa socialmente. A crise dun sistema que para nós non é o axeitado énchenos de esperanza. No congreso analizaremos que capacidade temos para cambiar de modelo.

-¿Con que receitas?

-Hai que reforzar a nosa responsabilidade, para que cambien as cousas, para ter maiores cotas de autogoberno e que este sexa utilizado en beneficio da maioría social. Temos instrumentos, pero necesitamos reformular as caixas de aforro, impulsar un órgano de crédito público e mesmo facer unha política de industrialización en clave de país.

-O BNG xa ten esa responsabilidade no Goberno, ¿está sabendo aproveitala?

-Tena, pero estase a comprobar na práctica que os límites competenciais son gravísimos, porque sempre topamos con obstáculos do Goberno central ou do marco europeo para facer as nosas políticas.

-¿Quedoulle clara a postura que ten o bipartito sobre o instituto galego de crédito?

-No BNG a clareza é total, porque estamos convencidos de que o Igape actual non é o instrumento axeitado, o propio [Pedro] Solbes está pensando en redimensionar o ICO para actuar, porque non se pode esperar que a banca privada vaia facer operacións de risco polo ben do interese público e da economía produtiva.

-En cambio, Touriño ve desfasado iso do ICO galego...

-O problema do PSOE é que, ao non ter un deseño pensado para Galicia, sempre teñen un baleiro que só se atreven a cubrir cando teñen o visto bo de España. Por iso o presidente Touriño ten esa actitude zigzagueante.

-¿Podería explicarme en que consiste a Cidade da Cultura?

-É un proxecto do pasado que este Goberno atopou feito, e penso que é discutible que se siga adiante cos dous edificios que estaban pendentes. Dito isto, o Gaiás ten que servir para a cultura galega, non para fornecer de cartos a outras culturas. Temos claro que unha vez que se fixo un desembolso tan tremendo debe repercutir na difusión de todo o abano cultural galego, e abrir plataformas de relación con outras culturas, porque ninguén vén a Galicia a ver a Frida Kahlo, veñen ver Santiago e temos que amosar o noso.

-Parece que o proxecto non vai nesa dirección.

-Non, e esa é a angustia que temos, porque nos expoñemos a que a Cidade da Cultura acabe como un cemiterio de cartos para expandir a cultura foránea.

-¿Debe estar un proxecto deste calado en mans privadas?

-O BNG non está de acordo. Pensamos que a participación privada pode existir se queda claro que a maioría é pública. Isto é esencial.

-Pero o Bloque permitiu dende a Xunta que...

-Xa, pero hai un historial de contradicións no que prefiro non entrar.

-¿Aínda non chegou o tempo de mudanzas na UPG?

-Esta é a última vez que serei secretario xeral, logo buscarei outra responsabilidade.

-¿E Bautista Álvarez seguirá na presidencia?

-Non sei se haberá un relevo neste momento ou máis adiante. El vai decidir en función da súa situación persoal.

-¿Existe relevo xeracional nunha forza que ancora o seu ideario no século XIX?

-Si, claro que si. Agora que está tan de moda dicir que un negro chegou a ser presidente dos Estados Unidos, hai que lembrar que iso non significa que a situación deste colectivo estea normalizada e non teña problemas. E coido que exercer de galego consciente é tan difícil como exercer de negro consciente nos Estados Unidos, pero aínda así hai relevo na UPG, e ademais con xente moi preparada.

-Vostede negociou partidas para o AVE a Ferrol, pero o proxecto non viu unha perra.

-As partidas están, pero a Xunta ou o goberno de Ferrol non son entusiastas con isto, e paréceme lamentable, porque, se a crise dura e as obras non empezan, que se esquezan do AVE.