«A Universidade debe ser quen de gañarse as fabas por si mesma»

Ángel Paniagua Pérez
Ángel Paniagua VIGO/LA VOZ.

GALICIA

O catedrático de Zooloxía ten claro que a institución académica ten que suar a camiseta. Critica o «buenismo» do seu rival porque, di, «mírase moito o embigo»

16 may 2010 . Actualizado a las 02:16 h.

A súa etapa como director xeral de I+D foi outro paso na carreira xestora de Salustiano Mato (Santiago, 1960). Investigou, dirixiu, foi decano e vicerreitor. O día 20 quere ser reitor. ¿A crise económica? «Unha oportunidade», afirma.

-Concrete. ¿Que vai facer na súa primeira mañá na Reitoría? ¿Que medidas tomará?

-A primeira será pedir unha entrevista co presidente da Xunta para poñerme a disposición do Goberno galego e do país. Falareille da importancia estratéxica da Universidade e de por que lle ten que interesar apostar pola ela como investimento. Quero que sexa sensible co plan de financiamento.

-¿Que máis?

-Pedirei unha entrevista co director xeral de Investigación da UE, Cuqui [José Manuel] Silva. Presentareille o noso proxecto de futuro, a nosa preocupación por estar no mapa e a nosa imaxe de marca para penetrar en Europa, que é o campus do mar.

-Seguimos co primeiro día.

-Visitarei a todo o persoal de servizo da reitoría. Logo redactarei unha carta de presentación e a enviarei a todos os actores cos que vou manter relación para pedirlles reunións.

-¿Quen son?

-Os alcaldes de Vigo, Pontevedra e Ourense, as deputacións, as institucións públicas e empresariais do entorno e de Galicia. Logo, varios conselleiros e organismos do Goberno central. Tereino fácil con amigos que teño en Ciencia e en Educación. Quero unha reunión con Cristina [Garmendia, ministra de Ciencia], Ángel Gabilondo [Educación] e con Elena Espinosa [Medio Ambiente] polo campus do mar. Tamén cos organismos que manexan fondos de converxencia. Vaime interesar establecer relacións coas comunidades que teñen mar.

-A primeira mañá de catro anos. ¿Que modelo de Universidade porá en marcha?

-Unha moderna e internacional, dona de si mesma. Isto significa que a Universidade debe ser quen de gañarse as fabas. Dinamizar o tecido socioeconómico, ter un impacto real, contundente e organizado, achegar solucións ao noso país.

-¿Que diferenzas ten o seu modelo co do seu rival?

-Eu falo de futuro e de suar a camiseta, de esforzarnos e queimar graxa, de volcarnos coa nosa sociedade para solucionarlle problemas. O outro modelo véxoo ligado ao mundo do buenismo , de universidade humilde, de mirarse o embigo, dos problemas micro.

-Vaiamos colectivo por colectivo dicindo cal é o seu maior problema e a solución que ofrece. Alumnado.

-Emprego. Seremos proactivos e para introducir a xente no mercado laboral, con mobilidade e iniciativas empresariais.

-Persoal de administración.

-Definir a súa carreira profesional e que teñan claras as posibilidades de promoción.

-Profesores investigadores.

-Dos non estables, deixar claro o camiño para a estabilidade. Dos estables, recoñecer o traballo facendo unha foto dinámica. En 40 anos de carreira hai que prestixiar todo o traballo: docencia, investigación, transferencia e xestión.

-A mesma idea para os campus. Vigo.

-Necesita unha sede institucional na cidade.

-Pontevedra.

-Temos que vincular as infraestruturas á vida cultural da cidade, como a Casa das Campás e o edificio da ONCE.

-Ourense.

-O soño é completar o máis difícil do proxecto de Patxi Mangado. Quédanos intensificar a transferencia.

-¿Qué imaxe ten Vigo da Universidade?

-En 1996, fíxose unha enquisa. A Universidade non a coñecían, mandábanche á Universidade Laboral. No 2004, a Universidade era a institución máis apreciada co 78%, o Celta co 76% e a Zona Franca co 72%. Agora mantén a idea positiva pero a ve máis lonxe. Temos que dar o paso.

-No primeiro día de reitor vai facer unha carta. Se a fixese hoxe, ¿que diría? ¿Quen é Salustiano Mato?

-É unha persoa que asume a responsabilidade de ser reitor, lidera un proxecto colectivo de 20.000 estudantes e 2.000 traballadores, dispostos a traballar para estar cos cidadáns do sur de Galicia e suar a camiseta para ser alento, aliado estratéxico e solucionadores de problemas.