O relevo de poder de Xoán Gato a Blanco, a finais do 2008, traduciuse tamén nun aperturismo sen antecedentes cara ás relacións entre os concellos veciños de Narón e Ferrol, nunha das épocas de máis actividade no marco da Mancomunidade de Municipios da Ría de Ferrol.
-¿Cal é o camiño que deben seguir as relacións entre os dous concellos?
-Firmei un acordo co anterior alcalde de Ferrol [o socialista Vicente Irisarri] e espero que se siga mantendo. Un protocolo de intencións para desenvolver os grandes proxectos en conxunto, incluíndo tamén á Mancomunidade, que é cara onde hai que ir. Antes de falar de fusións entre municipios, temos que empezar a compartir servizos.
-¿Tamén defende a centralidade de Ferrol como cabeceira da comarca?
-Non imos a competir pola cabeceira da comarca. Tamén queremos que melloren os servizos de Ferrol, pero non renunciamos aos que lle corresponden a Narón.
-Explíquese.
-Por exemplo, o centro de saúde. En cambio, queremos converter o tren de Feve nun metro lixeiro entre os dous municipios. E para iso, non podemos ir por separado, como no servizo de auga, os bombeiros, a limpeza, o ferrocarril ao porto exterior... Hai que chegar a acordos, e cando os veciños vexan que dan resultados, entonces poderemos ir ás seguintes fases.
-Pero agora está cercado por unha comarca dirixida, principalmente, polo PP...
-Eu creo nas Administracións e na súa equidade. Non tería sentido que non fose así cando o movemento do 15-M fala de rexeneración. Sería un paso atrás na defensa da democracia.
-Houbo concentracións en Ferrol, pero non en Narón. ¿A que se debe iso?
-É difícil de analizar. Ao que temos que atender é ao que intentan demostrarnos. Ese movemento ten que ser un toque de atención a todos os políticos.
-Pero Narón é un dos concellos coa abstención máis alta.
-Ao ser un concello que crece constantemente, hai moita xente que aínda non está integrada na vida participativa.