Nado en Meaño (Pontevedra) o 22 de marzo de 1959, Roberto Varela Fariña está solteiro e non ten fillos. Vive de aluguer en Santiago. Apaixónalle a música.
Licenciado en Filosofía pola Universitat de Barcelona e en Relacións Internacionais pola ILERI de París, adquiriu a condición de diplomático en 1989. Como tal, traballou nas embaixadas de España en Bonn e Kuwait, ademais de exercer de cónsul cultural en Nova York.
O 20 de abril do 2009 chegou ao Executivo de Núñez Feijoo sen carné de militante e, cando menos polo de agora, tampouco ten en mente afiliarse ao Partido Popular.
«Síntome orgulloso -di- de que nunca na historia da autonomía houbo tanto diálogo do sector co conselleiro nin tanta presenza do conselleiro no sector».
«Aprendín moito», di Varela ao facer balance destes 30 meses á fronte da cultura de Galicia.
-¿E que cambiou vostede?
-Trouxemos modernidade, apertura e aire fresco á cultura galega. Engadimos aos elementos que xa estaban aquí unha certa liberdade de expresión e creativa. Queremos unha cultura sen carnés nin dirixismos, de todos, onde todas as expresións teñan cabida e, sobre todo, cunha gran proxección exterior.
-¿Non logrou darlla aínda?
-Non, porque iso require moito tempo. Aínda que si levamos a cabo xa varias accións importantes e xusto naqueles lugares que contan cun efecto multiplicador relevante: o Metropolitan de Nova York, Roma, París... O que se trata é de crear unha rede de amigos para logo colaborar.
-Abrirlle un Facebook á cultura...
-Non estou moi metido nese mundo. Pero, se iso significa facer vínculos e traballar en rede, en sociedade, con institucións que nos podan aportar algo importante, si que hai que abrirllo.
-No 2012, Cultura e Turismo manexará 130 millóns, cen menos que hai catro anos. ¿Que deixará de facer que antes fixera?
-O superficial, o que teña menor impacto na economía e no emprego da industria cultural.
-¿Pecha a billa da subvención?
-En absoluto. Aínda que si haberá que reducir certas axudas. Estamos nun momento de rendibilizar a inversión. Debe desaparecer xa de Galicia esa disgregación que hai. Non ten sentido que haxa tantos festivais de teatro, de cine, de música... Temos que cambiar a mentalidade cultural, unirnos, especializarnos, concentrar, manter beneficios recortando gasto. Porque a bonanza acabou e non vai volver.
-A súa consellería, trala de Facenda, é a de menor orzamento. ¿Ocupa o lugar que merece?
-Se fora outra a conxuntura, non. No momento actual, si. Non lle podemos quitar a Educación, a Sanidade, a Traballo e Benestar... Hai que priorizar.
-¿Cal é a política de futuro da Xunta coas axudas ás aeroliñas?
-A medio e longo prazo penso, como cre o conselleiro de Infraestruturas, que deberían desaparecer, pero no momento actual de crise temos que seguir botando unha man aos tres aeroportos, sempre dentro das posibilidades orzamentarias e en función das negociacións que manteñamos coas compañías.
-Tamén teñen que negociar a integración do Xacobeo, Turgalicia, o IET e a Secretaría Xeral de Turismo. ¿Como van?
-Niso estamos a traballar, coa intención de unir o antes posible, baixo un paraugas común chamado Turismo de Galicia, distintas estruturas administrativas que en realidade teñen un mesmo fin: traer aquí xente de fóra. Non se trata de que desapareza nada, senón de rendibilizar.
-¿Que será da sede do Xacobeo?
-Nesa liña de traballo, unha das primeiras cousas que me gustaría acometer é desfacerme dela. Ten custes de mantemento moi altos e non foi feita para acoller oficinas. ¿Que facer co edificio? Non o sabemos de momento.
-¿Aparecerá o Códice Calixtino antes do Xacobeo 2021?
-Iso non depende de min.
-¿E de quen é culpa de que desaparecera da catedral?
-Do ladrón, da persoa que o levou. Despois, cando a policía o teña encontrado e determine exactamente que pasou, será o momento de falar de responsabilidades, pero non agora.
-¿Quen sería un bo ministro de Cultura no próximo Executivo?
-Moitas persoas, pero non estou seguro de que na próxima etapa estea prevista a existencia dun Ministerio de Cultura como tal, senón dunha Secretaría de Estado, como había antes.
-¿E que lle debe Galicia á que marcha, a González-Sinde?
-Desgraciadamente, nada.