«Eu desde dentro vivín os últimos trinta anos de Galaxia, pero xa cando estaba estudando en Madrid tiña un sentimento galeguista e fun lendo todos os libros que publicou Galaxia. Lin desde o primeiro, Antífona da Cantiga, de Ramón Cabanillas, ata o último libro publicado por Galaxia», lembra Benxamín Casal. O presidente da empresa tamén reivindica o compoñente colectivo que ten o proxecto: «No activo hai que incluír aos traballadores de Galaxia, aos seus colaboradores, aos autores e tamén aos lectores, que son un activo importantísimo da editorial».
-¿Como batallaban coa censura no franquismo?
-Era unha batalla que era difícil de librar, así que había que actuar con trampas como facían eles. Era o mellor método. Había que facer a contratrampa ao tramposo. Era coma xogar ao póker coas cartas marcadas. Era a triste estratexia na que había que operar. Eu afortunadamente xa vivín outros tempos en Galaxia, isto foime contado logo.
-Unha censura que mesmo dificultou o labor de «Grial».
-Grial foi suspendida durante uns anos porque non estaba autorizada como revista e tiña que pasar uns filtros moi duros da Dirección Xeral de Prensa e Propaganda, que daquela eran dúas cousas que ían moi xuntas... A estratexia foi chamarlle Cadernos Grial e así seguiu ata que, creo que foi xa na época de Fraga, pasou a chamarse de novo revista Grial.
-E aí segue «Grial», ben viviña.
-Si, aí segue, e tamén como revista dixital, porque agora un dos proxectos que temos é lanzar unha plataforma dixital a final de ano ou principios do 2014. Pretendemos lanzarnos a ese mercado, pero non como unha web de descarga de e-books, senón como unha estratexia integradora, con presenza na blogosfera, nas redes sociais e con espazos de interacción.
-Véxolle entregado ás novas tecnoloxías...
-¡Non hai máis remedio! Nestes momentos estamos obrigados porque a globalización o esixe. Non nos podemos pechar no noso mercado, temos que estar no mundo e no dixital. Temos que promocionar a cultura galega no mundo.