Ana Pontón: «O nacionalismo galego non pode converterse nunha sucursal de Podemos»

Serafín Lorenzo SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

XOÁN A. SOLER

A portavoz nacional do BNG reproba aos que «ven normal que Galicia non apareza en cen páxinas por que tampouco o fai Estremadura»

11 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A piques de cumprir dúas semanas no cargo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asume a «situación preocupante» da fronte, pero defende a decisión das bases de fortalecer o proxecto e non tender pontes á coalición En Marea tralo revés das xerais.

-O BNG trazou un novo camiño na asemblea do día 28. ¿Que pasos van dar para percorrelo?

-Traballaremos en dous ámbitos. Un ten que ver coa refundación, un proceso aberto no que queremos ensanchar a base social do nacionalismo, facer unha relectura do que pasa na sociedade galega e novas propostas. O segundo reto como organización é ser unha parte clave na derrota do PP nas vindeiras autonómicas.

-É un rumbo que zanxa a apertura anterior ás xerais e o contacto con Anova e cos seus socios.

-O que iniciamos é unha etapa de apertura, de diálogo, de escoitar e facer novas lecturas da realidade de Galicia. E facémolo abrindo un diálogo franco coas organizacións que teñan os centros de decisión en Galicia. Ese diálogo non pode ser converternos nunha sucursal de Podemos.

-¿Tan escaldados saíron do intento da alianza con En Marea?

-En Marea non tiña ningunha vontade dese diálogo. E as razóns do BNG se van verificando. Non houbo grupo propio e funcionan de maneira sucursalista no Congreso. É lóxico que o BNG non poda participar nun espazo que ve normal que en cen páxinas non apareza Galicia, porque tampouco o fai Estremadura, pero si se recolle a Cataluña. En política os principios son importantes.

-Trala experiencia das xerais, non queren levar máis labazadas.

-Nós temos un proxecto para Galicia. O obxectivo é fortalecer unha alternativa nacionalista. É o polo que pode abrir novos espazos de esperanza, futuro e dignidade, fronte a un modelo centralista, que discrimina a Galicia e provoca que teñamos máis paro, precariedade e emigración.

-En vista da senda elixida, afiliados como Quintana ou Aymerich optaron por marchar, e outros por loitar dende dentro. ¿Como integrarán ese discurso crítico?

-No BNG cabe todo o mundo. Funcionamos de xeito democrático. Todos poden defender as súas ideas e decide a militancia. Pero, ademais, vivimos a participación dun xeito plural. Así o reflicte a composición da nosa executiva e do consello nacional.

-Transcenderon esas baixas significadas. ¿Pero cantos afiliados deixaron o BNG trala asemblea?

-De momento só teño constancia das informacións da prensa. O BNG é unha forza aberta a todos os nacionalistas e a vocación é que medre e todos teñan espazo.

-Pero a refundación rematará despois dunhas autonómicas que poden mudar o camiño a seguir.

-Os debates e reflexións estarán abertos a persoas que non forman parte do BNG. Traballamos para resintonizar coa sociedade e recuperar pulso electoral.

-Pois En Marea tenta copar todo o espazo nacionalista, mesmo asumindo teses independentistas.

-É moi difícil crer que unha organización poda defender o dereito a decidir dun pobo cando non é capaz de decidir no seu propio ámbito, porque está claramente subordinado ás estratexias que se deciden desde Madrid.

-¿Ve oportunista ese discurso?

-É un debate nominalista que na práctica está baleiro. Para nós a defensa da capacidade que como pobo temos que ter para decidir é sobre que pasa co noso agro, coa nosa pesca ou por que temos que ter as peaxes máis elevadas.

-Pero son os outros os que chegan agora ao electorado que antes apoiaba ao BNG. ¿Que fai mal o Bloque para que iso suceda?

-O BNG leva anos cunha situación preocupante. Estamos abrindo unha nova etapa para corrixir erros e reflotar unha alternativa nacionalista con solvencia.

-Tamén o PSOE sostén en Galicia gobernos afíns a Podemos.

-Son decisións do PSOE. Nós avalamos que puidera haber alternativas de cambio nas cidades sen entrar neses gobernos. Pero tamén lamentamos que En Marea votara en contra en Pontevedra, mentres nós apoiamos as investiduras na Coruña e Santiago.

-¿Pensa que acertou o BNG ao non entrar neses gobernos?

-Si. Os gobernos das cidades están sendo moi frouxos.