Jorge G. Marín: «Non se pode desmontar unha sociedade patriarcal da noite para a mañá»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Marín es sociólogo en la Universidade de Santiago.
Marín es sociólogo en la Universidade de Santiago. SANDRA ALONSO

Este sociólogo evoca a metáfora do iceberg para explicar que, ao final, os casos máis severos son só unha pequena parte dun problema, o do machismo, que se manifesta de moitos xeitos diferentes

28 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O sociólogo da Universidade de Santiago Jorge García Marín evoca a metáfora do iceberg para explicar que, ao final, os casos máis severos son só unha pequena parte dun problema, o do machismo, que se manifesta de moitos xeitos diferentes.

-¿Están os máis novos reproducindo roles machistas aínda que se lles eduque para non facelo?

-É normal que os máis novos reproduzan roles clásicos de ser home e ser muller porque o entorno que nos rodea aínda ofrece modelos moi estereotipados. Na súa socialización están vivindo de arquetipos clásicos.

-¿Non educamos en igualdade?

-Educar corresponde ao sistema educativo, que non ten que traballar necesariamente dende unha óptica feminista, pode traballar dende o que consideran unha neutralidade, pero é unha neutralidade machista. En segundo lugar, a familia, moitas veces o que fai é reproducir un rol no que xa se moveu toda a súa vida. Logo hai outros centros de socialización, como o grupo de iguais ou os medios de comunicación, que dan modelos, e son modelos moi perigosos. Se algún destes axentes non rompe unha socialización tan ríxida nestes modelos estamos sendo educados neses modelos dun xeito moi inconsciente.

-¿Que habería que facer?

-Todos temos responsabilidade. Hai medios que están dando pasos adiante con códigos éticos, no sistema educativo cónstame que hai profesionais que traballan na liña da coeducación e tamén hai familias que se preocupan por dar modelos igualitarios. Evidentemente, non se pode desmontar unha sociedade patriarcal que vén do inicio dos tempos da noite á mañá. Non debemos esquecer que o feminismo leva moitos anos traballando pola igualdade e acadáronse algunhas conquistas.

-¿A sociedade só é consciente dos casos máis graves de machismo e de violencia machista?

-As mortes son unha pequena parte da dimensión do problema, o problema é outro. Si que hai pequenas cousas que forman parte do noso cotián que son o primeiro elo que conduce a lexitimar a superioridade masculina: o control da roupa ou dos horarios, pero tamén que os homes temos máis tempo libre e os mellores postos de decisión. Hai miles e miles de procesos que conducen ao que chamamos androcentrismo, a concepción da sociedade dende un punto de vista masculino.