Urxencias sociais e nacionais

Ana Pontón
Ana Pontón TRIBUNA

GALICIA

08 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Oano arranca coas mesmas urxencias sociais e de país coas que rematamos. A prioridade do BNG é traballar desde todos os ámbitos para dar solucións aos problemas dos galegos e das galegas e por unha Galiza con emprego e benestar social.

Empezando pola loita contra a desigualdade e a pobreza nun país con 375.000 fogares por debaixo dos 600 €/mes. Nun contexto de pobreza, paro e precariedade defendemos unha renda de garantía social. Imprescindible ter o control de todos os nosos recursos para decidir aquí as prioridades de gasto, cun novo modelo de financiamento e unha facenda e banca galegas. Iso debería defender Feijóo na prevista conferencia de presidentes.

A loita contra a violencia machista, urxencia absoluta, porque ningunha sociedade pode terse por civilizada mentres ás mulleres son discriminadas e acosadas mesmo ata ser asasinadas. Propoñemos pasar de 5 a 95 millóns de euros os recursos nos orzamentos de 2017 e revisar todo o que, é obvio, non está funcionando á hora de protexer ás mulleres.

Blindar os servizos públicos e os recursos para dependencia, de aí a insistencia en contar canto antes cun novo sistema de financiamento. Non cesaremos ata conseguir unha AP-9 galega como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes e non máis discriminacións cun AVE que outros teñen desde hai décadas.

Este ano será o da consolidación da recuperación do proxecto nacionalista que representamos, tras o apoio nas pasadas eleccións galegas na que miles de persoas volveron mirar para o BNG como a alternativa seria, fiable e solvente. Teñen o meu compromiso e o de toda a organización de que imos dar o mellor para estar a altura desa confianza e dese apoio.