
O presidente da Asociación de Pacientes do CHUS sinala que as agresións son unha excepción, pero «non son xustificables baixo ningún concepto»
02 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.As agresións son unha excepción, «e non son xustificables baixo ningún concepto», explica Fernando Abraldes, presidente da Asociación de Pacientes do CHUS, pero o doente, di, é a parte débil do sistema.
-Está o paciente nunha situación de indefensión?
-O que pensamos é que na relación médico paciente, o paciente é a parte débil, porque está moi supeditado á información que se lle dea. Un tipo de relación de carácter non paternalista implicaría que se respecta sempre a autonomía do paciente para tomar decisións, previa información axeitada. Isto non sempre se fai e se xera malestar por parte do doente, que pode dar lugar a saídas de ton.
-Pensa vostede que os que máis se queixan son os que menos motivos teñen?
-Unha cousa é queixarse desde o punto de vista verbal, que é lexítimo, pero a agresión non é xustificable baixo ningún concepto. Quen ten unha actitude agresiva moitas veces é xente agresiva noutros ámbitos da vida. A conduta máis habitual do paciente é de supeditación e submisión, a outra son excepcións. E por que? O doente moitas veces considera que está en mans do médico, e ten unha especie de temor a dicir algo que lle poida sentar mal ao médico e que despois poida afectar á calidade da asistencia.
-Que facer cando un doente sente que se vulneran os seus dereitos?
-Se considera que está sendo tratado de xeito incorrecto o primeiro é poñerse en contacto co xefe de servizo e poñelo en coñecemento do órgano de xestión.