«Teño reservas todas as fins de semana ata agosto»

S. A. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

José Antonio Gil, de Ourense, iniciouse nesta actividade case por casualidade, pero móstrase encantado. Asegura que é unha maneira de sacar uns cartos

18 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A José Antonio Gil convencérono para alugar o piso que tiña no centro de  Ourense a turistas. «Era unha maneira de sacarlle rendibilidade porque o piso estaba parado, e ademais teño unha filla que remata agora a carreira e tamén é unha maneira de que saque uns cartos». Dende que o puxo en aluguer, o pasado mes de abril, todo foi sobre rodas.

-Apenas leva un mes: consegue facerse un oco no mercado?

-Non pensei que todo iría tan rápido. Pensei que sería máis complicado ao principio. Por agora non tiven ningún problema e é unha experiencia enriquecedora porque coñeces xente de todas partes.

-Publicita o seu piso de aluguer nalgunha plataforma de Internet?

-Si, en Airbnb e en Booking. Para min esta última é máis efectiva, pero tamén cobran máis caras as comisións. Airbnb ten unha forma de pago inmediata.

-Que lle parecen os requisitos aos que lle obriga o decreto autonómico?

-Os trámites son bastante sinxelos. Púxenme en contacto con Aviturga e facilitáronme moito as cousas. A min paréceme ben. Tes unha propiedade que queres pór en valor e pagar impostos por ela non me parece cousa do outro mundo. Ademais, é bo ter un rexistro da xente que vén.