
O rexedor vincula a marcha do partido a unha decisión persoal e pensa que Quinteiro non debe dimitir
26 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O caso Quinteiro vén de producir a primeira baixa en En Marea: o rexedor de Teo, un home de Anova, vinculado a Martiño Noriega.
-Por que tomou esta decisión?
-O caso da deputada foi a pinga que colmou o vaso dunha insatisfacción que se viña acrecentando co tempo.
-Ou sexa, que isto vén de lonxe...
-En Marea distanciouse co tempo do seu proxecto orixinario, transgresor, que escapaba das rixideces deses partidos. En Marea é un barco que afunde, e eu non vou estar quedo. Non vai comigo iso.
-Pola súa amizade con Martiño Noriega poderíase pensar que o alcalde compostelán influíu na decisión?
-El é moito máis reflexivo e prudente do que son eu. Por iso o quero e o admiro. Foi unha decisión persoal. Nin o falei con el.
-Ábrese con esta decisión unha etapa de ruptura que anticipa novos abandonos?
-Eu non pretendo dicirlle a ninguén o que ten que facer. Se vexo afundir o barco eu son incapaz de quedar para poñer as balizas. En Marea é un barco que afunde, e non vou estar quedo. A acomodación non é unha das miñas características.
-Por que ve vostede un naufraxio do proxecto político?
-En Marea ten moitos lastres do pasado, e ten que desprenderse deles para recuperar a flotación. Se non o fai, terá que afundir, pero non imos estar nós vendo como afunde.
-Cales son eses lastres?
-Unha dirección do partido que está mediatizada por unha vella garda, que se meteu aí e que condiciona o liderado do propio Villares.
-Cre vostede que a decisión de Quinteiro sobre a consulta deixa moi desautorizado a Villares?
-Non quero entrar niso. É certo que el tiña un papel moi complicado como portavoz, e non teño nada contra el, pero si a desilusión de que non fora capaz de facer o que todos creramos que podía. Encheu o barco de lastres.
-Non pensa que Quinteiro debería ter dimitido?
-É moi sinxelo: se a policía tivese calquera indicio de que Paula Quinteiro e os que ían con ela cometeran algún acto vandálico serían detidos e acusados. Non teño ningunha dúbida. E aínda por riba somos nós, En Marea, os que mantemos vivo o caso dende a organización. Nós e Mariano Rajoy, en sede parlamentar.
-Como pode influír esta crise na confianza dos cidadáns nas candidaturas das mareas municipais?
-Por sorte, as candidaturas populares dependen do seu traballo nas vilas e nas cidades. Cada candidatura terá a súa responsabilidade. Si é certo que os mecanismos de funcionamento das mareas municipais son bastante máis sans e plurais que os do partido; responden mellor á idea orixinaria.
