Antón Sánchez: «Apostamos forte por En Marea e ninguén vai darnos leccións»
GALICIA
O voceiro nacional de Anova pide que se poña o partido «no quilómetro cero» para reconstruír o espazo seguindo o exemplo das mareas
14 jun 2018 . Actualizado a las 08:13 h.Anova está entre a espada e a parede. Por unha banda, as críticas de Podemos e de EU doen a quen foi xerme de En Marea. Pola outra, coinciden cos críticos en que o partido non expresa a pluralidade da sociedade. O seu voceiro nacional, Antón Sánchez, tenta quitar ferro.
-En Marea é un partido ornamental?
-En Marea é un espazo de encontro de diversas culturas políticas, de moita xente que loita pola mellora das condicións das maiorías sociais e un ensaio para traducir os intereses desa maioría social nunha alternativa política que os defenda, con todas as complexidades que iso ten. Sendo moi complexo para nós, é indispensable para ter a forza necesaria para facer os cambios radicais que propoñemos. É un espazo en construción e niso somos pioneiros en Galicia.
-Villares é un líder líquido?
-Non o sei. Insisto en que este é un proxecto colectivo. Sempre é bo que haxa moitas referencias porque se impugnamos todos os modelos clásicos tamén impugnamos o modelo clásico de que forzosamente teña que haber un único liderado. Os liderados constrúense no tempo.
-Sorprende que haxa deputados que reneguen das siglas polas que foron elixidos.
-Este proxecto sempre foi xeneroso. Sempre soubemos que ía ser unha tarefa moi difícil, pero as maiorías sociais non entenderían que non nos puxeramos de acordo no fundamental. Logo hai cuestións menores do día a día que non deberían desviarnos do fundamental. A xente quere a integración da pluralidade, non quere un partido clásico.
-As liortas son un fracaso do proxecto de Anova?
-Non só de Anova: hai moita xente máis que apostou por iso, non só nacionalistas, tamén federalistas. Pode parecer que en determinados momentos aparecen de novo esas dinámicas de polarización e por iso pugnamos por superalas; pero fracaso, en absoluto. Temos claro que nin Anova nin ningunha outra organización política é un fin en si mesma, senón unha ferramenta, e como tal, Anova contribúe xunto con outra xente. Sempre houbo reaccións conservadoras, pero nós seguimos apostando por ser audaces e superar os intereses de parte. Non fracasa un por non conseguir os obxectivos, senón por non intentalo.
-Que pensa da proposta de Podemos-EU para ir en coalición?
-A cuestión non son as fórmulas xurídicas. No 2015, nas mareas houbo fórmulas xurídicas de todo tipo. Ningunha dirección de ningunha organización debe limitar o potencial que se desatou no 2015. Cando se fala de quilómetros, creo que o quilómetro é o quilómetro cero. O que decidan as mareas para nós está ben e desde ningunha capital, nin de Madrid nin de Santiago, cremos nós con toda a modestia, se debe limitar ese potencial.
-Pero con AGE non funcionou.
-O primeiro é a vontade política e o proxecto común. Debe haber máis debate político e menos xurídico. Unha vez que esteamos de acordo no proxecto político, as fórmulas xurídicas adáptanse ao proxecto político e ao que queremos. En Marea non é unha marca, é un proxecto de integración colectivo no que ten que estar moita máis xente aínda da que está hoxe en día.
-Pero algúns marchan, como o alcalde de Teo, que é de Anova.
-É unha mostra de que se debe tomar nota de que hai que facer máis esforzos para que todo o mundo se sinta representado nun espazo común. É unha chamada de atención para corrixir o rumbo e ter unha actitude de incorporación de toda esta xente que se sentiu representada por En Marea e hoxe xa non.
-Cerna propón a disolución dos partidos. Que lle parece?
-Máis que falar de propostas hai que predicar co exemplo.
-Agarda nas municipais mellorar os resultados do 2015?
-Tranquilízame ver por todo o país que as mareas seguen funcionando conforme aos principios cos que se crearon, que se seguen a estender e que xa son unha referencia onde están, e si, teño esperanza en que ese camiño continúe no 2019. Nós redobramos a aposta por ese modelo no que a xente dos partidos e as que non militan en ningún partido conviven en pé de igualdade en torno a un proxecto común, e en cada concello, un proxecto pensado para ese concello.
-A culpa é de Cerna e de Villares?
-Trato de ser crítico e autocrítico. Cando falo de En Marea estou a falar de algo que sinto como propio e, polo tanto, creo que hai que sumar e que a dirección pode facer máis nese sentido e ten que tomar nota de que non está representada toda a pluralidade.
-Antón Sánchez, xa que logo, non se baixa de En Marea?
-Nós fixemos un pronunciamento como Anova crítico coa dirección, pero onde nos comprometemos a facer todos os esforzos por reconstruír o espazo de unidade popular. E facemos un chamamento a todos os actores para que participen. Chamamos tamén a recuperar os principios fundacionais de Vigo. Na súa creación, nós apostamos forte por En Marea e ninguén vai darnos leccións.