
Quen se atreve hoxe a enunciar unha teoría do mundo? O impacto das crónicas diarias de desgrazas reais ou supostas, o enredo das falsas noticias, a política como un paripé para escenificar como desacordo aquilo que pode ser un acordo, a imposición insidiosa dun ideario economicista, fan difícil albiscar un argumento, guion ou contexto que nos permita manter certa posición neste mundo que se exhibe descaradamente no noso móbil.
Obrígasenos a movernos entre a solidariedade emotiva e instantánea da desgraza e, apenas pasado o tempo das lágrimas, a invitación ao individualismo. A pesar de todo, para unha gran maioría ningún tempo pasado foi mellor.Europa non acaba de elaborar un renovado relato político e cultural que sustente un sólido espazo de esquerda e de centro. Un lugar común capaz de garantir o multilateralismo, o benestar compartido, a consideración do outro superando a simple tolerancia e, sobre todo, de xerar un movemento que poida impedir a ominosa resucitación da barbarie.
Á nosa escala, Galicia necesita tamén o seu guion para conciliar o sistema urbano máis dinámico, pero que empeza a entrar no devalo demográfico, e a gran Galicia silente que decanta tanta beleza como soidade. Ese país dual, rural e marítimo, de clima mediterráneo e atlántico, reclama unha «idea filosófica» que articule a modo de columna vertebral economía e emprego, demografía e migracións, territorio e paisaxe, cultura e turismo.
A oportunidade de converter 2021 nun afán de Galicia, ano santo, xubilar ou xacobeo, o termo daría moito que falar, merece unha escritura con man común, compartindo proxectos e responsabilidades cos concellos máis alá da programación de espectáculos, implicando a actividade económica máis alá dos beneficios fiscais, o sistema universitario máis alá das monografías de circunstancias, e a cidadanía como capital humano insubstituíble.
Se os Camiños son un fío condutor dese discurso, hai que percibir que se trata de algo sutil. A recente reportaxe de Senén Rouco e Iago García en La Voz de Galicia percorrendo a Via francigena expresa claramente o contido vivencial e espiritual que ten o Camiño e a capacidade para fortalecer toda unha rede de singular importancia nos sitios polos que pasa. Convén escoitar ese rumor, que non é o dun turismo verde, son oportunidades de comunicación que este país non debe perder.
Hai pouco, con motivo do atentado patrimonial nun fuste marmóreo da fachada das Praterías, o alcalde de Santiago declarou que cada administración ou institución ten que se ocupar dos seus asuntos, verbalizando, acaso sen intención, algo que está na mente colectiva. Compostela é precisamente un mostrario de experiencias de colaboración interadministrativa, da asunción do seu papel como capital, dunha cultura aberta e cosmopolita, que deron paso no seu momento a un itinerario de modernización.
Ante un porvir incerto, a tentación é quedar sentado contemplando o pasado, sentíndose predestinado polo ADN, sen discurso, cadaquén ao seu e quizais sen destino común.