Hai uns días participei en Alemaña nun coloquio internacional sobre plurilingüismo. As sesións desenvolvéronse en cinco idiomas, e cada un dos relatores tiñamos que manexar catro. Eu tiven que expresarme en español, inglés, portugués e francés. Nun momento, pedíronme que falase galego e así o fixen, co aplauso xeral e a rexouba das colegas do Brasil. Ese é o mundo cara ao que camiñamos. Un mundo políglota, que conxuga a diversidade coa convivencia e a igualdade coa diferenza, asentado no coñecemento e no respecto. O camiño contrario ao que propugnan os voceadores do monolingüismo en España. Como non existen datos reais nin argumentos lóxicos que sustenten unha política discriminatoria cara aos falantes das linguas cooficiais, só queda o recurso á mentira e á demagoxia. O Diario de Sesiones do Congreso do pasado martes ofrece un exercicio orwelliano de corrupción da linguaxe, no que a igualdade dá cobertura á discriminación e a liberdade avala o recorte de dereitos. Créase así un mundo do revés, onde a vítima é verdugo e o castelán desapareceu de Galicia. Todo vale para defender unha lei que escachiza dun golpe a oficialidade do galego e a nosa capacidade de autogoberno.
A autonomía non é unha esmola outorgada, é unha conquista do noso pobo e unha trabe fundamental do Estado. España non se defende marxinando os galegofalantes, senón recoñecéndoos iguais na súa plena cidadanía. Por iso o galego é unha lingua oficial, que debe ser coñecida polos servidores do público como garantía dos nosos dereitos. Para facilitar o traballo ás persoas que non o saben non hai que laminar eses dereitos, senón facilitar a súa aprendizaxe en institutos, escolas de idiomas, universidades de toda España. Cando no estranxeiro conto que son convidado a falar do galego máis veces nas universidades de Alemaña, o Brasil ou os Estados Unidos ca no meu propio país, o público non dá creto. Pero é a pura verdade. E así estamos. Cultivando a ignorancia para sementar o prexuízo e que medre nel a discordia.