Marcelino Agís: «A Filosofía abre o espírito crítico e o pensamento libre que levamos dentro»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

XOAN A. SOLER

O novo decano de Filosofía estréase coa nova da ampliación das horas de ensino, pero advirte que antes hai que cambiar a lei Wert

20 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O catedrático de Filosofía Marcelino Agís (Raxó, 1963) estreouse esta semana como decano da Facultade de Filosofía de Santiago cunha boa nova, a aprobación por parte da Comisión de Educación do Congreso da recuperación das materias de Ética e Filosofía no ensino medio tal e como se impartían antes da Lomce. Recoñécese, polo tanto, «esperanzado».

-Esta vitoria foi resultado dun bo traballo de pedagoxía por parte dos filósofos?

-Creo que se sumaron dous factores; por unha parte, houbo un traballo da Rede Española de Filosofía e das asociacións filosóficas e tamén do profesorado de ensino secundario e da propia facultade; da nosa e das outras españolas. Pero creo que tamén por parte dos grupos políticos, incluído o Partido Popular, houbo unha conciencia de que a medida era equivocada, porque a Filosofía desempeña un papel central na formación dos mozos, tanto desde o punto de vista formativo como para abrir ese espírito crítico e o pensamento libre que todas as persoas levamos dentro, que é o que nos fai autenticamente humanos.

-Está a batalla gañada?

-Teño unha valoración moi positiva, pero son consciente tamén do camiño que falta por percorrer e das súas dificultades, porque, aínda que o acordo foi unánime, modificar unha lei orgánica supón ter unha maioría parlamentaria, e nos últimos tempos iso é difícil de acadar. Fai presaxiar que se traballa na boa dirección, pero falta un camiño por percorrer.

-O cambio non é viable fóra da modificación da lei?

-Cónstame que outros ministros, como Ángel Gabilondo ou Íñigo Méndez de Vigo, traballaron por lograr un pacto educativo que incluíra aspectos como o da Filosofía e non foron capaces de ter o apoio parlamentario suficiente. É distinta a situación? Creo que si, que nos fai ter esperanza, porque esa aposta decidida pola recuperación da Filosofía indica que previsiblemente se manterá cando se trate de reformar a Lomce, pero non vai ser automática a recuperación da Historia da Filosofía nin da Ética de cuarto de ESO. Xa sei que todo o mundo quedou entusiasmado, pero eu vexo a outra parte, que o trámite non é o que acorda unha comisión. Oxalá fose!

-Cre que foi unha decisión particular do ministro Wert que nin sequera contaba co apoio do seu partido?

-Para min foi absolutamente incomprensible porque era un partido que tradicionalmente tiña unha grande sensibilidade para as disciplinas humanísticas. Non sei se pola conxuntura política, por ampliar as horas da Historia de España pensando que así se neutralizaban fenómenos como o separatismo catalán... ou non sei por que, roubaron esas horas á Filosofía considerándoa unha disciplina menor. Pero sucedeu o mesmo que cando condenaron a morte a Sócrates e o axustizaron; ao día seguinte, en Atenas houbo un pavor xeral e a xente levou as mans á cabeza: «Que fixemos!». As decisións en política teñen transcendencia e hai que meditalas.

-Será bo para a Facultade de Filosofía, a única en Galicia. Estase recuperando a matrícula logo duns anos nos que ata se chegou a falar do se peche?

-Nós aquí acusamos a aprobación da Lomce e houbo un descenso no número de alumnos, pero curiosamente, a partir do ano seguinte, estabilizouse de novo. Temos numerus clausus en primeiro en 65 estudantes, e cóbrese todos os anos. Somos unha titulación estable porque é un estudo vocacional, creo eu, e esa pode ser a explicación. Existiu o efecto negativo da lei Wert? Pois si, e é comprensible porque, se se reduce o número de materias do ensino secundario, pois unha das principais saídas profesionais da filosofía tamén se pon en risco.

-Non se prevén outras saídas?

-Onte [polo mércores] tomei posesión como decano e hoxe xa estiven traballando na posta en marcha de convenios de prácticas con distintas institucións, porque entendemos que os titulados en Filosofía teñen a capacidade suficiente, pola súa formación, para desempeñar unha serie de postos en institucións, en empresas, museos, fundacións, editoriais...

-Coma noutros países, non si?

-Coma noutros países. E aquí tamén. O director da editorial Galaxia, Francisco Castro, é filósofo, así que hai excepcións.

-Noutros países forman parte de consellos de administración de grandes empresas e aquí, non.

-Non, pero imos traballar para logralo. Os convenios de prácticas son para iso.

-Que achegaría un filósofo no cadro de persoal dunha empresa?

-Creo que as grandes decisións empresariais, e tamén as cotiás, deben ser pensadas, valorar os pros e os contras, beneficios ou prexuízos, se mellora ou non a imaxe... Esa capacidade de pensar, considerar, afrontar dilemas, por formación pode facelo un titulado en Filosofía, porque está familiarizado con todos os autores que ao longo da historia se enfrontaron a este tipo de problemas. E logo outras capacidades como escribir, falar, ler comprensivamente, e todo iso no mundo actual é moi importante.

-No mundo actual estase deixando de pensar?

-Pensar non imos deixar de pensar, porque esa é unha calidade do ser humano. Pero o que me preocupa é que se consolide un pensamento único. Temos menos tempo para pensar e temos moi fortes influencias dos medios de comunicación e das redes sociais para que chegue o pensamento nunha única dirección, e, fronte a iso, a filosofía o que achega é un pensamento plural e unha visión crítica da realidade.

-Cales son os retos que se propuxo para este mandato?

-O primeiro, manter o que colectivamente conquistamos, os títulos oficiais que ofrece a facultade; o grao, o máster e os dous títulos de doutoramento, e para iso hai que ser eficaces, realizar melloras ás que nos comprometemos e coidar moito a calidade. Queremos atender tamén a internacionalización, porque todos os anos temos estudantes de fóra, e mellorar a política de comunicación, que é fundamental.