O Goberno socialista de Pedro Sánchez está conseguindo desviar a atención co lanzamento de continuos globos sonda. O último é a ameaza de instaurar peaxes nas autovías, que se suma aos anteriores anuncios de subas de impostos ao diésel e das cotas dos autónomos. Unha vez máis confírmase que cando goberna a esquerda, por moito que vexan o demo nos ricos, finalmente son as clases medias e menos favorecidas as que soportan a suba de impostos.
Non é o máis apropiado anunciar esta nova peaxe nas autovías a través da prensa e seguindo as propostas das grandes empresas construtoras, cando hai aberta una subcomisión para o seu estudo no Congreso. O máis sensato e rigoroso sería poñer sobre a mesa unha proposta concreta, seria e fundamentada en datos reais, independentes, e non de parte interesada. E fano o mesmo día que anuncian a liberalización de peaxes na AP-1 ao rematar a súa concesión. Que incongruencia. Unha peaxe nas autovías sería dobremente prexudicial para os galegos: xa estamos penalizados pola escalada de prezos da AP-9, pero agora sufririamos peaxes nas principais vías de acceso á Meseta (autovías do Noroeste e das Rías Baixas). Hai liñas vermellas que non se poden sobrepasar e aínda menos que humillen especialmente a Galicia. Como fixeron esta semana coa marcha atrás do Goberno socialista á liberación da peaxe de Redondela na AP-9, comprometida polo anterior goberno de Mariano Rajoy pero para a que agora piden que a Xunta cofinancie as posibles rebaixas, a pesar de tratarse dunha autoestrada estatal. De novo queren que os galegos paguemos dobremente. A nosa postura será sempre en defensa dos galegos e pedimos unha reflexión máis profunda sobre o cobro de peaxes nas autovías, para que non penalice ás comunidades que, como Galicia, xa son agraviadas polas altas peaxes da AP-9.