O regalo de Aznar

Pablo Arangüena VICESECRETARIO XERAL DO PSDEG

GALICIA

17 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un pouco de historia. Ano 2000. O goberno Aznar amplía a concesión da AP-9 ata 2048, con Fraga na Xunta. Ano 2003: con Feijoo de conselleiro de Ordenación do Territorio, privatízase a Empresa Nacional de Autopistas, con varias concesións, entre elas a AP-9, adxudicada a un consorcio liderado por Sacyr, que a pasou á filial Itínere, hoxe controlada por capital foráneo. Por certo, Luis del Rivero, ex-presidente de Sacyr, compareceu hai pouco no Congreso como imputado no caso dos «papeles de Bárcenas».

A diferenza da galega, as concesións de tres autoestradas coetáneas da AP-9 rematan no 2019, e varias máis nos próximos anos. O Goberno de España, para non seguir engordando as contas das concesionarias, ten intención de non prorrogar as concesións que vaian vencendo, o que aboca ao debate, fundamental nunha sociedade democrática, de como financiar o seu mantemento. Lembremos que España é o terceiro país do mundo en quilómetros de autovías e autoestradas, só por detrás da China e os Estados Unidos.

Máis alá da obrigada reflexión, o goberno non ten interese ningún en beneficiar as concesionarias, nin vai establecer peaxes nas autovías libres de pago nesta lexislatura. O que si fixo xa foi abrir a posibilidade de diálogo sobre a transferencia da AP-9, a diferenza de Rajoy, que a vetou sempre. En canto á subida da peaxe, é froito de acordos que adoptaron gobernos anteriores, non decisión discrecional deste. O PSdeG-PSOE ten como valor esencial a solidariedade entre persoas e entre territorios, un valor que defenderá sempre.