Por tras do debate lanzado nos últimos días sobre a posibilidade de que no Estado español se xeneralicen as peaxes nas autovías está o lobby das construtoras que viviron décadas de enorme negocio das infraestruturas, mantendo un gran poder de influencia nas políticas dos sucesivos gobernos. O groso deste negocio orbitou especialmente arredor de Madrid e a súa oligarquía empresarial, deixando en termos relativos a Galiza nunha situación de discriminación en infraestruturas. Esta situación está exemplificada coa AP-9 e a súa concesión ata 2048. Mentres no resto do Estado están a piques de rematar as concesións das máis importantes, as galegas temos unha das autoestradas cos prezos máis caros, e con maiores beneficios empresariais, que serven para financiar ao grupo Itínere as perdas que ten noutras concesións fóra de Galiza.
O peso do lobby das obras públicas e a conexión entre adxudicacións e doazóns políticas provocaron uns investimentos irracionais e insostibles dende o punto de vista ambiental, social e territorial, tal como asegura o recente informe da UE, e supuxeron unha época dourada para estas empresas. Coas políticas fiscais actuais que reducen os ingresos das administracións, a solución que ofrecen as empresas para manter o seu negocio son as taxas xeneralizadas onde pagan o mesmo rendas baixas e altas. Pero a súa pretensión de manter os seus balances económicos suporá un golpe para a economía da maioría das galegas. Financiar as obras e o mantemento das infraestruturas desde os orzamentos públicos é máis xusto e progresivo que impoñer unha taxa que dificultará os desprazamentos obrigatorios das traballadoras galegas. Queremos crer que un Goberno que se di socialista non está disposto a levar adiante esta medida. A alternativa xusta pasa por unha política de infraestruturas sostible, non guiada por intereses empresariais, e por un xiro nas políticas económicas, que fortalezan a capacidade das administracións cun sistema fiscal xusto e progresivo.