
O certificado de coñecemento de lingua galega, coñecido como Celga, acredita o nivel de competencia de xeito adaptado ao marco común europeo para as linguas. Podes acceder ao curso aquí
22 nov 2018 . Actualizado a las 13:14 h.Un, dous, tres, catro e cinco. O certificado de coñecemento de lingua galega, coñecido como Celga, acredita o nivel de competencia de xeito adaptado ao marco común europeo para as linguas. O Celga 3 certifica un coñecemento intermedio da lingua galega. Velaquí as competencias que xustifican o resto dos niveis dos que se compón o Celga.
celga 1
Equivalente a un nivel A2. O Celga 1 acredita unhas capacidades comunicativas elementais pero suficientes para desenvolverse en contextos próximos e familiares. A persoa que supera a proba do Celga 1 é quen de comprender frases e expresións de uso frecuente relacionadas con áreas que lle son especialmente relevantes. Tamén pode comunicarse para levar a cabo tarefas cotiás que só requiran intercambios simples de información sobre cuestións coñecidas. É o equivalente a un A2 do Marco europeo para as linguas.
celga 2
Dominio B1. A competencia lingüística que certifica o Celga 2 é de carácter básico. A persoa que acada este nivel de coñecemento é quen de usar correctamente as estruturas morfosintácticas básicas da lingua e do vocabulario asociado cos temas propios deses contextos comunicativos. Así que pode participar con relativa seguridade e eficacia en distintas situacións da comunicación cotiá, de traballo e de estudo, que requiran un uso fundamentalmente previsible. Equivale a un B1 do Marco europeo para as linguas.
celga 3
Equivalente a un B2. A persoa que supera o Celga 3 ten un dominio do galego que lle permite intervir en variadas situacións de comunicación, co que pode comprender textos orais e escritos de certa complexidade, é quen de producir textos comprensibles e cun alto grao de corrección normativa sobre temas diversos e pode desenvolverse sen moitas dificultades en contextos nos que o galego é lingua de traballo e interacción, como cursos académicos.
celga 4
Dominio C1. O Celga 4 equivale a un nivel C1 do Marco europeo das linguas, é dicir, a persoa que supera este nivel pode comprender unha ampla variedade de textos orais e escritos extensos e cun alto nivel de dificultade. Poderá expresarse de xeito fluído e espontáneo en distintos contextos e pode producir textos ben estruturados sobre temas de certa complexidade e para distintos fins, usando correctamente a norma ortográfica e morfosintáctica.
celga 5
Dominio C2. A persoa que supera o Celga 5 é quen de comprender calquera tipo de texto oral ou escrito independentemente da extensión, temática ou tipoloxía, e recoñecerá mesmo os sentidos implícitos e os valores connotativos. Tamén pode expresarse oralmente e por escrito de xeito fluído e espontáneo en situacións diversas e escollerá o vocabulario e as expresións máis axeitadas ao nivel e á finalidade do discurso.