Susana López Abella: «Moitas veces a violencia está normalizada e non se recoñece»
GALICIA
A secretaria xeral de Igualdade destaca que Galicia é un referente ao aumentar ano a ano as axudas ás vítimas
02 jul 2019 . Actualizado a las 17:12 h.Desde a secretaría xeral da Igualdade da Xunta, Susana López Abella dedica unha parte importante dos seus esforzos a loitar contra a violencia machista.
-As cifras do 2018 reflicten unha baixada de denuncias.
-Efectivamente, houbo unha lixeira baixada dun 4,7 %. Desde as Administracións consideramos que é importante que se denuncie para que se poida actuar, o que pasa é que as diferenzas son moi pequenas. O que temos é que traballar para que as mulleres denuncien, e que denuncien coa seguridade de que o seu proceso vai ter un bo termo. Por iso teñen que estar preparadas e estar atendidas, e nese traballo estamos, tratando de que coñezan todos os recursos que teñen á súa disposición e que poñemos en marcha grazas tamén ao desenvolvemento do Pacto de Estado. Desde o ano 2009 ata o 2018 temos só en axudas económicas concedidas a mulleres vítimas de violencia de xénero un total de 3.482 beneficiarias. A violencia de xénero segue na nosa sociedade e temos que traballar con todos os nosos medios.
-Falaba de que as mulleres teñen que estar informadas, pero tamén é importante a súa independencia económica.
-Si. En Galicia somos referentes porque desde que se aprobou a lei autonómica contra a violencia de xénero no ano 2007 habilitáronse unha serie de axudas con fondos propios, e fomos incrementando ano tras ano as axudas periódicas para as vítimas -e, por certo, acaba de publicarse a orde de convocatoria, que sae por un importe de 5,1 millóns de euros, o máis alto da historia-. Tamén acabamos de chegar a un acordo no Parlamento de Galicia para incrementar o teito para percibir estas axudas. E contamos con outros programas, como un que para nós é importantísimo e que esperamos non ter que utilizar máis, que é o de apoio a persoas orfas.
-Van poñer en marcha un plan de inserción laboral nos concellos.
-Un programa do que nos sentimos especialmente orgullosos, que agora se vai ampliar para os concellos e que se está a desenvolver desde o ano 2016 é o de inserción laboral dirixido a mulleres en situación de violencia de xénero. Ata o momento teñen participado 835 mulleres e acadaron a súa inserción laboral 159. Pode parecer cativo, pero non o é, porque a maior parte das mulleres que participaron neste programa atópanse despois en mellor situación para lograr unha inserción laboral ca cando iniciaron ese programa. É máis que a busca de emprego, pois a violencia de xénero é tan tráxica que esnaquiza ás mulleres, e este programa trata de recompoñelas.
-Din as estatísticas que cada vez hai máis casos de violencia entre menores e polas redes.
-Estamos traballando neste tema xa desde hai anos, ofrecendo talleres e accións formativas sobre o bo uso e os perigos das redes sociais. As redes sociais son boas, pero se son ben utilizadas.
-Están as mulleres máis desprotexidas nas áreas rurais?
-Levamos anos traballando e imos facer unha macroenquisa para coñecer a situación da muller, con especial fincapé no ámbito rural e das mulleres maiores. Tamén temos colaboración coas federacións de mulleres rurais e cos colectivos veciñais. É certo que moitas veces a violencia de xénero está normalizada e non se recoñece, e estamos traballando en varias vertentes nese ámbito.