«Un algoritmo pode dar unha ruta segura para un brigadista»

Mónica Pérez Vilar
Mónica P. Vilar REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Ginzo se licenció en Matemáticas en la USC
Ginzo se licenció en Matemáticas en la USC

Un proxecto aplica as matemáticas á xestión eficaz e segura dos recursos contra os incendios. María José Ginzo é unha das participantes no proxecto Enjambre

08 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis seguridade, máis rapidez e máis eficiencia á hora de enfrontar un incendio forestal. É o que conseguen os algoritmos desenvolvidos por investigadores do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) de Santiago de Compostela. Establecer rutas fiables para fuxir das chamas ou detectar obstáculos perigosos para as aeronaves que loitan contra o lume son dúas das aplicacións desta loita matemática contra os incendios.

-Cal é o obxectivo deste traballo?

-As nosas investigacións están feitas no marco do proxecto Enjambre que arrancou no 2014 con firmas punteiras como Babcock España (a antiga INAER) e a empresa de software compostelá Coremain. O noso obxectivo foi desenvolver algoritmos que sirvan como ferramenta de axuda á toma de decisións en situacións de risco.

-Como pode un algoritmo salvar a vida dun brigadista?

-Imaxina que están actuando nunha zona e, de súpeto, cambia a dirección do vento e a dirección das lapas. Eses traballadores pasan a estar en perigo. O director técnico da extinción ten que localizar unha zona segura na que se poidan refuxiar. O noso algoritmo calcula a ruta de evacuación e, tendo en conta as características do terreo (pendente, vexetación existente, etc), proporciona a maneira máis rápida de chegar ao lugar de refuxio elixido.

-As súas investigacións tamén aplican ao traballo das aeronaves?

-Traballan en condicións de mala visibilidade: fume, néboa... polo que teñen risco de colidir. Nós deseñamos un algoritmo que permite a identificación de obstáculos, máis en concreto torres de alta tensión e catenarias. Trátase de mellorar as condicións de seguridade nas que voan.

-No que toca aos medios aéreos tamén desenvolven fórmulas para un uso eficiente.

-Si, un dos algoritmos está centrado na xestión dos recursos aéreos, que son escasos e cando hai varios lumes hai que priorizar. O que conseguimos é obter unha planificación eficiente de voo dos medios aéreos, tendo en conta as necesidades. as horas máis complexas, as horas de descanso obrigatorias dos pilotos... evitando ademais os chamados tempos secos, é dicir, asegurando que o incendio sempre estea atendido e haxa, cando menos, unha aeronave sobrevoándoo. Neste caso, ademais do algoritmo desenvolvemos unha aplicación web para que o director de extinción poda utilizalo a través dunha tableta electrónica sen necesidade de conexión a Internet.

-Traballaron nalgunha outra área relacionada cos lumes?

-Traballamos tamén na detección das frontes dos incendios. A partir de imaxes térmicas e aplicando técnicas de estatística determinamos o perímetro do lume, a fronte de chama (onde están os puntos de máis temperatura e por onde avanzan máis rapidamente as lapas), os núcleos secundarios e calculamos a área do incendio. E logo tamén desenvolvemos un algoritmo para determinar a eficiencia e eficacia das descargas de auga realizadas polas aeronaves. Todo isto serve para tomar decisións pero tamén para estudar e mellorar o traballo a futuro.