Mariló Candedo: «O acordo con Podemos, visto desde agora, non foi o axeitado»
GALICIA
«Para min non había outra opción que vir ao Grupo Mixto» di a nova deputada de En Marea ante a nova lea na esquerda rupturista
28 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A exdecana de Pedagoxía da UDC, que a vindeira semana tomará posesión como deputada de En Marea no Parlamento, non quere rabuñar na ferida aberta por quen, como Luca Chao, pensa que Mariló Candedo debería renunciar ao escano porque substitúe a Manuel Lago, de Común da Esquerda, pero vaise integrar no Grupo Mixto. «Quédome coas declaracións de Antón Sánchez, que enmarcou o cambio de acta dentro da normalidade. Eu presenteime por En Marea, o número 7 marcha e entra o 8, que son eu».
-Nesa división interna que vostede viviu desde fóra, por que tomou partido por Villares?
-Eu sigo formando parte de En Marea e estou nos seus órganos de dirección; para min non había outra opción que vir ao Grupo Mixto; para nós, En Marea.
-Vostede, sen querer, xa foi motivo de lea polo senador que lle correspondía a En Marea na anterior lexislatura.
-E preferín calar e ser prudente.
-Sondaxe dálle unha forte caída ao grupo Común da Esquerda. É un castigo pola división interna?
-Supoño que hai outros factores, pero si, castígase a división. Calquera proxecto transversal é moi complexo e non hai cultura política de coalición, a esquerda ten esas eivas. Ademais, estivemos moi sobresaltadas con tantas convocatorias electorais. Non son tempos de calma para tecer redes e xerar confianza, pero agardo que ese espírito que fixo posible o novo goberno no Estado tamén se acade aquí para que non goberne a dereita. Seguimos a compartir moitas cousas, aínda que non coincidamos ao cen por cen.
-A enquisa non lle dá representación a En Marea.
-Cando a esquerda está fraccionada, os votos dunha formación pequena poden ser relevantes, como pasou con Teruel Existe ou mesmo con BNG, que para nós non é unha formación pequena pero si no conxunto do Estado.
-Pensa que foi un erro o acordo con Podemos nas anteriores eleccións autonómicas?
-Non sei se dicir un erro, pero o acordo con Podemos, visto desde agora, non foi o axeitado. A fórmula era manifestamente mellorable. Igual tería sido mellor un acordo postelectoral, pero é difícil falar a posteriori.
-Vostede que pode aportar?
-Procedo do mundo da educación e creo que podo aportar nese campo, e interésame tamén a lingua, a cultura e as políticas sociais. Son os ámbitos nos que me sinto máis cómoda, pero vou traballar no que faga falla, sobre todo tendo en conta que vai coller unha baixa por maternidade Paula Vázquez Verao e vaime tocar colaborar no que sexa necesario.
-Presentarase nas autonómicas?
-Iso queda moi lonxe, eu veño con esta bóla extra e síntome moi honrada e responsabilizada.