ASÍ SE CHEGOU AO ESTATUTO DE 1981. A instauración do autogoberno comezou en 1977, pero os intentos de rebaixalo retrasaron o texto máis que noutras nacionalidades históricas. La Voz entrega este domingo un exemplar conmemorativo baixo a histórica cabeceira «El Pueblo Gallego». Onde estabas en 1981, cando se aprobou o estatuto?

Domingos Sampedro
Redactor

Febreiro de 1976. Dous meses despois da morte de Franco, a universidade galega vivía un tempo de efervescencia, con asembleas, paros e desaloxos saltando dunha facultade a outra, mentres a policía armada, os grises, se empregaba a fondo para manter a orde. O día 4 dese mes, as páxinas de La Voz de Galicia informan de que o ministro da Gobernación, Manuel Fraga, viña de recomendarlle a Dolores Ibárruri, La Pasionaria, que non regresara a España «porque a súa vida estaría constantemente en perigo». Tamén salientaban que un milleiro de estudantes se concentraron en Santiago nunha aula aberta de Económicas para analizar polo miúdo co profesor Xavier Villar Trillo o Estatuto de Autonomía de 1936. Aí estaba o precedente de Galicia, ese valioso retallo da nosa historia. Empezábase a falar así do texto estatutario plebiscitado 40 anos atrás, do que puido ser e non foi por mor da Guerra Civil, como as táboas sagradas que debían orientar o futuro.

 Poucos coñecían daquela a historia da autonomía, que o propio Castelao defendera o Estatuto perante as Cortes de Montserrat, en 1938, cando a República xa agonizaba. Era información que só estaba ao alcance das elites políticas e dos grupos galeguistas que empezaron a compartila cos universitarios, e que foi esencial para que Galicia acadara o status de «nacionalidade histórica» que lle deu dereito a xogar, con Cataluña e co País Vasco, na primeira liga da España das autonomías.

Foi logo das eleccións constituíntes de xuño de 1977 cando se empezaron a dar os primeiros pasos cara o autogoberno. Galicia miraba de esguello a Cataluña, onde as mobilizacións populares da Diada acirraron a Madrid para autorizar, xa ese mes de setembro, a creación da Generalitat preautonómica co regreso de Josep Tarradellas. O Goberno de Adolfo Suárez creaba unha vía rápida para acceder á autonomía, aínda que no caso galego sempre aparecían curvas que o demoraban todo.

É certo que os nacionalistas galegos non acadaran representación nas eleccións constituíntes, pero iso non quita que se fora formando xa un sentimento a favor de acadar con prontitude un autogoberno de primeira, como reivindicaron centos de miles de galegos que se botaron ás rúas no chamado 4 de Nadal de 1977.

Só tres meses despois, o Consello de Ministros aprobaba o real decreto que outorgaba o réxime preautonómico a Galicia e a Xunta constituíase o 18 de abril de 1978 con Antonio Rosón de presidente. Era un ucedista, teoricamente en liña con Madrid, pero que se envolveu na bandeira do galeguismo. Ata o punto de que o 28 de xuño de 1978, data conmemorativa do referendo galego do 36, Rosón fixo un sentido chamamento a participar nunha concentración unitaria a prol da autonomía, coincidindo co 25 de xullo. A praza do Obradoiro encheuse. E o presidente Rosón saíu á balconada do pazo de Raxoi para pronunciar un discurso e «reclamar con firmeza o mesmo nivel de autogoberno que puideran acadar as outras nacionalidades».

Na segunda metade de 1978, a Constitución española recibía os últimos retoques logo do chamado pacto do mantel entre Abril Martorell e Alfonso Guerra. O texto incorporou unha disposición transitoria, a segunda, na que se consagrou que «os territorios que no pasado tiveran plebiscitado afirmativamente proxectos de Estatuto de Autonomía e que conten, ao tempo de promulgarse esta Constitución, con réximes provisionais de autonomía» poderán acceder «inmediatamente» a unha autonomía plena. Na Carta Magna non se dicía explicitamente, pero só o País Vasco, Cataluña e Galicia cumprían eses requisitos.

Dez días despois do plebiscito constitucional, reúnese a Asemblea de Parlamentarios de Galicia para ordenar as 38 achegas que fixeron chegar partidos, sindicatos e organizacións de todo tipo, dende as cámaras agrarias ata a asociación de amas de casa e de viúvas, coa finalidade de que foran tidas en conta na redacción do Estatuto. A Asemblea nomea unha comisión de 16 persoas (oito da UCD, dúas do PSOE, dúas máis de AP e catro de forzas extraparlamentarias) co mandato de elaborar o primeiro texto articulado: o Estatuto dos 16.

En abril do 1979, entregábase o borrador de Estatuto a Rosón. Galicia tiña por fin a oportunidade de acceder ao autogoberno pola porta da plena autonomía, aínda que, como escribiu o constitucionalista Roberto Blanco Valdés, non faltara quen «intentara sacala pola fiestra, rebaixando aquela autonomía de plena a degradada». Iso foi o que ocorreu unha vez que xa se abrira a man da descentralización con Cataluña e o País Vasco. Con Galicia, a UCD pretendía pechala e facer táboa rasa co resto.

Comezou deste xeito o cepillado dese Estatuto dos 16. A UCD forzou o cambio de presidente da Xunta, poñendo a Xosé Quiroga no sitio de Rosón pensando que sería máis dócil. Noméase tamén o Grupo Relator dos Nove (seis de UCD, dous do PSOE e un de AP) para desfacer os parágrafos máis inconvenientes do traballo dos 16, antes de remitir o texto ás Cortes para meterlle a tesoirada definitiva.

Marcha contra o estatuto recortado pola UCD
Marcha contra o estatuto recortado pola UCD ALBERTO MARTI VILLARDEFRANCOS

O cepillado dos nove notables desencadeou outra vaga proautonomista, con protestas nas rúas e peches nos concellos para apremar aos relatores, pero o peor aínda estaba por chegar. O Estatuto vasco de Guernica e o catalán de Sau xa foran plebiscitados en outubro, pero o galego estaba aínda en trámite no Congreso, onde lle colaron pola porta traseira unha disposición transitoria para rebaixar o seu nivel de autogoberno con respecto ás outras nacionalidades. Así estalou a aldraxe, o agravio a Galicia, que nunha impresionante reacción popular volveu sacar a centos de miles de galegos á rúa, esta vez para protestar contra o Estatuto, contra ese texto desvirtuado que o Goberno da UCD, en alianza con algúns editorialistas da capital, lle tiñan reservado a Galicia.

A reacción da «aldraxe» reabre a negociación e propicia o Pacto do Hostal

Os receos da sociedade galega contra o proxecto de Estatuto xa eran importantes en outubro de 1979, cando o texto se tramitaba na comisión Constitucional do Congreso, pois a prensa xa informaba dos plans que había para rebaixar o nivel de autogoberno que se demandaba dende Galicia e mesmo se desencadeou una guerra de editoriais entre os xornais galegos e os editados en Madrid, que xulgaban «ilusoria» a pretensión dos galegos de ter unha autonomía similar á catalá ou vasca.

A reacción do pobo galego non se fixo esperar. Na véspera de que o Estatuto fora votado na comisión Constitucional -só co apoio da UCD-, unha trintena de galeguistas capitaneados por Ramón Piñeiro lanzaron na prensa o chamado Manifesto do Aldraxe, no que se denunciaba a discriminación que se ía cometer con Galicia.

Esa noite do 21 de novembro de 1979, ata 17 concellos abriron as portas para celebrar unha vixilia paralela á votación do Congreso e organizar protestas. A mañá seguinte, a prensa galega reaccionaba con carraxe: «Hoxe, xornada de defensa da dignidade nacional de Galicia», titulaba La Voz de Galicia a cinco columnas. Santiago, Vigo, A Coruña ou Ferrol rexistraban nesa xornada manifestacións espontáneas, e en consistorios como Pontevedra, Lugo, Ourense, Ribeira, Betanzos, Carballo, O Grove, Vilagarcía, Noia, Boiro ou Narón producíanse peches de protesta.

Esa reacción foi tamén un recado para as organizacións políticas. Na UCD galega empezaron as desercións. Alianza Popular viu a oportunidade de aproveitar en Galicia o derrube centrista. E o PSOE corrixía axiña a súa posición para poñerse en contra do Estatuto rebaixado. O 4 de decembro, dous anos despois das manifestacións do chamado 4 de Nadal, volven saír á rúa milleiros de galegos nas principais cidades en contra da aldraxe.

Había, polo tanto, un Estatuto aprobado e un pobo que non o quería e que debía votalo en referendo. En Galicia párase o tempo. Entre marzo e abril, vascos e cataláns estrean os seus parlamentos, e pese a que os partidos galegos se apuntan ao descrédito do texto estatutario, defendido en solitario dende a Xunta preautonómica de Quiroga, Madrid pasou meses sen mostrar disposición algunha a mover ficha. A UCD sufriu correctivos electorais nas autonómicas vascas e catalás, e Adolfo Suárez acababa de deixarse algunha pluma na moción de censura que lle presentou o PSOE cando chega a Galicia, en agosto de 1980, para descansar uns días na finca La Atlántida do Grove. Alí reúne á cúpula ucedista e buscan o apaño: invitar ás forzas políticas a negociar un Estatuto sen discriminacións de ningún tipo.

O 13 de setembro de 1980, o Hostal dos Reis Católicos acolle a primeira reunión de partidos, con presenza de UCD, PSOE, a Coalición Democrática de AP, o Partido Comunista ou o Partido Galeguista. Os nacionalistas do BN-PG e PSG quedan fóra porque non ven posible o amaño. Os membros das reunións do Hostal variaban de cada vez, pero alí estiveron Iglesias Corral e Meilán Gil, polos centristas; Francisco Vázquez e Ceferino Díaz, polo PSOE; Xosé Luís Barreiro Rivas ou Cacharro Pardo, de AP, galeguistas como Avelino Pousa Antelo ou comunistas como Anxo Guerreiro e Emilio Pérez Touriño.

Decidiuse que as comisións foran abertas á prensa, así que en dúas semanas e media chegouse a un acordo para eliminar as partes lesivas do Estatuto e outorgarlle a Galicia un texto de primeiro nivel, á altura das outras nacionalidades históricas, como tiña que ser dende o principio.

O documento final, resultado dun amplo consenso, foi plebiscitado o 21 de decembro de 1980 sen gran respaldo popular. O enredo creado durante a negociación provocou ese efecto. Pero co tempo, esa lei publicada no BOE do 28 de abril de 1981 gañouse a adhesión dos galegos, sendo hoxe, xunto co vasco, o Estatuto máis estable e inmutable de todos.